— As eleccións europeas celébranse cada 5 anos para que os cidadáns europeos elixan aos eurodeputados que comporán o Parlamento Europeo na seguinte lexislatura.
— Sen embargo, a designación dos postos máis altos da Unión Europea non depende directamente dos votos nas urnas, senón que se realiza con arreglo a procedementos diferentes.
Bruxelas, 24 de abril de 2024. A elección dos postos máis destacados do sistema institucional da UE, coñecidos como top jobs (“altos cargos” no argot comunitario), realízase por medio dunha negociación política ao máis alto nivel.
Esta decisión depende en grande medida dun complexo xogo de equilibrios entre familias políticas e Estados europeos, tendo en conta que unha parte dos postos (presidentes da Comisión, do Consello Europeo e máis o Alto Representante) requiren a maioría cualificada no seo do Consello Europeo.
Non é o caso da presidencia do Parlamento Europeo, que é elixida por maioría dos eurodeputados. Con todo, é común que a súa elección termine sendo parte das transaccións entre capitais e familias políticas europeas, seguindo acordos previos e ligados ás negociacións doutros altos cargos.
Cáles son os top jobs?
Os altos cargos ou top jobs da UE son os seguintes:
- Presidente do Consello Europeo: O Consello Europeo é a institución da UE composta polos 27 Xefes de Estado ou de Goberno dos Estado membro da UE, encargada de fixar as prioridades xerais e a orientación política da Unión, determinando a dirección que deben tomar as políticas e actos lexislativos elaborados. Esta institución non conta con competencias lexislativas; é dicir, non participa na elaboración das leis, senón que fixa os obxectivos que estas deben perseguir. Tamén establece a política exterior e de seguridade común tendo en conta os intereses estratéxicos da UE, e representa á UE no exterior neste ámbito. O seu presidente preside as reunións, velando pola continuaidade dos seus traballos e impulsando o consenso entre os seus integrantes. Tamén asume a representación da UE a nivel internacional en cumbres internacionais (xunto coa Presidenta da Comisión) e en asuntos relativos á política exterior e de seguridade (xunto co Alto Representante). É elixido polos propios membros do Consello Europeo por maioría cualificada.
- Presidente da Comisión Europea: O máis alto funcionario executivo da UE, que orienta politicamente á Comisión no seu labor de propoñer e facer cumprir a lexislación da UE, aplicar as políticas e xestionar o orzamento comunitario. Tamén convoca e preside as reunións do Colexio de Comisarios (composto polos 26 comisarios, que dirixen cada unha das carteiras do executivo comunitario), participa nas reunións do G7 e contribúe aos grandes debates no marco do Parlamento Europeo e entre os gobernos nacionais. Como xa se dixo, é elixido por maioría cualificada polo Consello Europeo, xa sexa discrecional e directamente por este, ou por medio do proceso de spitzenkandidaten, como ocorrera nas eleccións de 2014. Logo, debe ser proposto á votación do Parlamento Europeo.
- Presidente do Parlamento Europeo: este cargo encárgase de representar ao Parlamento en cuestións xurídicas e nas súas relacións internacionais, garante o cumprimento dos procedementos parlamentarios e supervisa as actividades do Parlamento e das comisións parlamentarias. Pode ser proposto por un grupo político ou pola vinteava parte dos deputados (é dicir, 36 deputados nesta lexislatura). A elección deste cargo recae no conxunto dos eurodeputados, e é secreta. Para ser elixido, un candidato debe obter a maioría absoluta dos votos válidos emitidos, é dicir, o 50% máis un. Este posto elíxese dúas veces por lexislatura europea, ao comezo e no ecuador da mesma, por un mandato de 2 anos e medio.
- Alto Representante da Unión para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade: ademais de ser un dos comisarios e vicepresidentes da Comisión Europea, é o responsable de coordinar e dirixir a Política Exterior e de Seguridade Común (PESC) da UE, incluída a Política Común de Seguridade e Defensa (PCSD). De acordo coas súas atribucións, preside o Consello da UE na súa formación de Asuntos Exteriores e dirixe a Axencia Europea de Defensa e ao Servizo Europeo de Acción Exterior (SEAE, o servizo diplomático da UE). Tamén é elixido polo Consello Europeo por maioría cualificada.
- Os comisarios europeos: Cada país da UE designa a un dos 25 candidatos a Comisario (sen contar ao Alto Representante, que tamén forma parte do Colexio de Comisarios), en consulta co propio Presidente da Comisión. A continuación, este último lles asignará un ámbito político específico, e serán sometidos a audiencias individuais no Parlamento para examinar a idoneidade do seu perfil ao posto. Finalmente, serán sometidos en bloque, en tanto que Colexio de Comisarios, á votación do Parlamento Europeo.
Aínda que os comisarios non adoitan ser clasificados como top jobs, as carteiras de comisarios con maior peso político da Comisión Europea (como as de mercado único, clima, competencia, comercio ou agricultura) adoitan asignarse como compensación ás forzas políticas e nacionalidades que non alcanzaran o nomeamento dun dos altos cargos.
Como se pode observar, o nomeamento de todos estes cargos é independente da vontade dos cidadáns nas urnas, e por iso adoitan asignarse entre bastidores polas capitais da UE tralas eleccións europeas.
A razón principal é que os Tratados establecen que estes postos deben ser nomeados por maioría cualificada polo Consello Europeo; é dicir, mediante negociacións entre os líderes dos 27 Estados membros.
A presidencia da Comisión, aínda que debe ser sometida ao voto do Parlamento, é designada previamente a través da proposta do Consello Europeo, polo que tamén depende en grande parte da discrecionalidade dos Estados membros.
O sistema de spitzenkandidaten (“candidatos principais, en alemán”), lanzado para as eleccións de 2014, intenta abordar esta cuestión, desvinculando a elección da vontade discrecional das 27 capitais e aumentando a transparencia na elección da figura de maior peso no entramado institucional da UE, pero está moi lonxe de estar consolidado.
No caso dos Comisarios, estes son elixidos mediante negociacións entre os Estados membros e o Presidente da Comisión, polo que a lóxica é moi semellante.
Quizais a Presidencia do Parlamento Europeo (o posto, por outro lado, máis honorífico e con menos atribucións significativas) sexa o sometido a menores intrigas entre Estados membros, por ser elixido directamente polos membros da cámara.
Sen embargo, tamén pode darse que, ligado ás negociacións doutros top jobs, se establezan acordos que obriguen aos líderes dos grupos políticos a presionar para obter un resultado concreto na elección deste cargo, e este pase a entrar no xogo de transaccións cruzadas entre países e forzas políticas.
Como consecuencia das normas de xogo no sistema institucional da UE, na práctica os únicos postos institucionais que se asignan democráticamente na Unión (ademais dos eurodeputados) son os dos presidentes das Comisións parlamentarias do PE.
Contexto
Do 6 ao 9 de xuño de 2024, arredor de 370 millóns de europeos estarán chamados ás urnas para elixir aos 720 deputados do próximo Parlamento Europeo.
Serán as décimas eleccións europeas desde as primeiras eleccións directas en 1979, e as primeiras eleccións ao Parlamento Europeo tras o Brexit.
Espérase que estas eleccións sexan das máis polémicas da historia do Parlamento Europeo, dado o auxe dos partidos de extrema dereita nas enquisas.
Tralas eleccións ao Parlamento Europeo, elíxense unha serie de “altos cargos” (top jobs) da UE, que son os dirixentes das principais institucións da Unión.
Os ocupantes destes cargos determinarán en gran medida o rumbo político e lexislativo da Unión nos cinco anos posteriores ás eleccións.