Entra en vigor o Regulamento sobre a Restauración da Natureza

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

Entra en vigor o Regulamento sobre a Restauración da Natureza que aborda a perda de biodiversidade na Unión Europea

30/09/2024 | ,

— O Regulamento sobre a Restauración da Natureza entrou en vigor o pasado 18 de agosto.

— A Comisión Europea considera extremadamente importante frear a perda de biodiversidade e acadar as ambicións climáticas propostas para 2030. 

Bruxelas, 30 de setembro de 2024. O pasado 18 de agosto entrou en vigor o Regulamento sobre a Restauración da Natureza adoptado polo Consello e o Parlamento o 17 de xuño de 2024. A entrada en vigor supón a culminación dun longo proceso de negociacións non exento de controversias.

A norma, segundo a Comisión, está pensada para poñer en marcha un proceso continuo de recuperación da natureza en medios terrestres e mariños da Unión ao mesmo tempo que se apoie un desenvolvemento económico e unha produción agrícola sostible nos diferentes territorios. O fin último é alcanzar o obxectivo de restaurar o 20% das areas terrestres e o 20% das áreas mariñas da Unión en 2030 para dar cumprimento ás obrigas contraídas baixo o Marco da Biodiversidade Global de Kunming-Montreal.

O Regulamento sobre a Restauración da Natureza inclúe medidas encamiñadas a restaurar e asegurar a boa condición de hábitats terrestres e mariños críticos para a conservación de especies de gran relevancia. Para isto, pénsase que para 2030 deberá restaurarse a libre circulación de 25.000 quilómetros de ríos en toda a Unión, así como asegurar o crecemento de superficie forestal, entre outras medidas.

Plans Nacionais de Restauración

Comprendendo que a situación non é igual en todos os territorios, diferentes obxectivos fixaranse para diferentes ecosistemas e serán os Estados membros os que decidan sobre as medidas específicas a levar a cabo para darlles cumprimento. Así, cada país deberá adoptar un plan nacional de restauración no que se especifiquen os obxectivos a alcanzar en relación aos diferentes ecosistemas e as medidas necesarias para alcanzalos tendo en conta os diferentes contextos rexionais. Estes plans deberán tamén indicar o espazo temporal específico no que se pretenden levar a cabo as accións, os recursos económicos necesarios para levalas a cabo, as fontes a través das cales se pretenden acadar estes recursos económicos e os beneficios agardados das accións no contexto da mitigación e adaptación ao cambio climático.

Antes da súa presentación ante a Comisión Europea para ser aprobado (o que se debe facer nun prazo máximo de dous anos dende a entrada en vigor do regulamento), o plan debe de ser deseñado consultando ás partes interesadas e debe incluír unha visión con perspectiva á súa prolongación cara 2040 e 2050.

Finalmente, os estados poden mobilizar diferentes instrumentos de financiamento comunitario, como os programas Horizonte Europa, LIFE, ou o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, para levar a cabo as accións que dean cumprimento aos seus plans.

Diferentes obxectivos fixaranse para diferentes ecosistemas e serán os Estados membros os que decidan sobre as medidas específicas que levar a cabo para darlles cumprimento.

Obxectivos específicos e obrigas

Para dar cumprimento a este regulamento inclúense obxectivos comúns cuantificables a nivel europeo para hábitats incluídos no Anexo I da Directiva de Hábitats, a Directiva de Paxaros e a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña. Ademais, inclúense obxectivos máis específicos como frear a perda de espazos verdes en areas urbanas, frear a diminución de especies de polinizadores, ou restaurar a conectividade dos ríos, entre outros. Entre as metas máis destacables atópase a de plantar 3.000 millóns de árbores na Unión de aquí a 2030.

Contexto

O Informe sobre o Estado da Natureza na UE publicado pola Axencia Europea do Medio Ambiente de 2018 salientou que os ecosistemas na UE atópanse baixo unha forte presión debido ás múltiples actividades humanas que condicionan o medio e á ameaza do cambio climático. Así, dentro da súa Estratexia sobre Biodiversidade a Comisión Europea propuxo en 2022 este regulamento para abordar as diferentes cuestións mencionadas en dito informe da axencia de medio ambiente. En xuño de 2024 aprobouse este texto a pesar da forte oposición de diferentes sectores económicos e sociais.

Máis información:

  • Análise FGE sobre o Regulamento relativo á restauración da natureza
Detalles de contacto
Ismael Pérez