— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou nunha sesión da comisión NAT do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se debateu sobre estes asuntos
— Jesús Gamallo lembrou que Galicia xa conta coa Axencia galega de Calidade Alimentaria e con iniciativas como o Plan Estratéxico da Horta de Galicia ou a Lei de recuperación da terra agraria, impulsadas pola Xunta
Bruxelas, 3 de outubro de 2024. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión deste xoves da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Entre outras cuestións, debateuse un ditame sobre a mellora da competitividade agrícola rexional da UE e outro sobre condicións de traballo xustas na agricultura.
No primeiro, defendido polo presidente da Comunidade Valenciana, Carlos Mazón, destácase a relevancia da dimensión local e rexional na produción primaria e a resiliencia hídrica, pero tamén a necesidade de modernizar e ecoloxizar este sector. Apóstase, ademais, por unha política comercial ambiciosa, aberta e sostible, para evitar a competencia desleal con produtos importados que non cumpren cos estándares fixados nos acordos comerciais.
Jesús Gamallo lembrou que a Xunta de Galicia conta coa Axencia galega de Calidade Alimentaria como instrumento protector da calidade diferencial dos produtos galegos e promotor do desenvolvemento tecnolóxico neste ámbito, con proxectos en curso para adaptar a viticultura á crise climática ou técnicas para minorar o impacto dos pesticidas no solo e nas augas.
Para afrontar estes e outros novos retos, a Xunta puxo en marcha, ademais, o Plan Estratéxico da Horta de Galicia, que aposta pola sustentabilidade para potenciar a produción hortícola de calidade. Tamén implantou o Sistema de Xestión Integrada de Pragas, que busca reducir ao mínimo o uso de produtos fito sanitarios.
A Xunta de Galicia xa traballa neste ámbito a través da Axencia galega de Calidade Alimentaria e instrumentos como o Plan Estratéxico da Horta de Galicia ou o futuro Banco de explotacións
O ditame sobre condicións de traballo xustas na agricultura dende unha perspectiva local e rexional proponse, pola súa banda, reforzar a condicionalidade social da política agrícola común e mellorar as condicións laborais dos traballadores do campo. Subliña, por exemplo, a importancia de integrar aos traballadores migrantes nas comunidades rurais, coa fin de revitalizar estas zonas e compensar o envellecemento da poboación.
Para fomentar o relevo xeracional, unha das últimas actuacións da Xunta é o Banco de explotacións que porá en marcha a finais deste ano. Trátase dun instrumento público de intermediación que facilitará o contacto entre persoas propietarias de explotacións agrarias que xa non queren desenvolver esta actividade e persoas interesadas en facelo. Esta iniciativa súmase a outras medidas, como a Lei de recuperación da terra agraria, que ofrece outras vías.
Galicia nas comisións CIVEX e NAT do CdR
No actual mandato 2020-2025 do Comité Europeo das Rexións (CdR), Galicia participa na Comisión de Recursos Naturais (NAT) e na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). A primeira elabora ditames en áreas como as políticas comúns de agricultura e pesca, turismo ou saúde pública. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea de rexións e municipios.