O Consello dá luz verde definitiva para reforzar as normas na UE en relación coa calidade do aire
21/10/2024 | Consumidores
— O Consello adoptou formalmente o pasado 14 de outubro a revisión da Directiva pola que se establecen normas actualizadas de calidade do aire en toda a UE.
— As novas normas pretenden contribuír a alcanzar o obxectivo da UE de contaminación cero para 2050 e a previr mortes prematuras debidas á contaminación atmosférica.
Bruxelas, 21 de outubro de 2024. O pasado 14 de outubro quedaba adoptada a revisión da Directiva sobre a Calidade do Aire que fusiona as dúas directivas da UE existentes ata agora. Esta nova versión ten como principal obxectivo aliñar os estándares da UE coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde en materia de calidade do aire.
Fortalecemento das normas de calidade do aire
Na súa versión revisada, a Directiva dá prioridade á saúde dos cidadáns da UE: establece novas normas de calidade do aire para os contaminantes que se deben alcanzar de aquí a 2030 e que están máis en consonancia coas directrices da OMS sobre a calidade do aire. Eses contaminantes inclúen, entre outros, as partículas PM10 e PM2.5, o dióxido de nitróxeno e o dióxido de xofre, todos coñecidos por causar problemas respiratorios. Os Estados membros poderán solicitar o adiamento da data límite de 2030 se se cumpren determinadas condicións.
A calidade do aire avalíase utilizando métodos e criterios comúns en toda a UE, e a revisión da Directiva achega novas melloras no seguimento e a modelización da calidade do aire.
A nova versión da Directiva tamén garantirá unha acción temperá, con follas de ruta sobre a calidade do aire que se deben preparar antes de 2030 se existe o risco de que as novas normas non se alcancen para esa data.
As normas de calidade do aire revisaranse periódicamente en consonancia coas probas científicas máis recentes para avaliar se seguen sendo adecuadas.
Os Estados membros deben garantir que os cidadáns teñan dereito a reclamar e obter unha indemnización cando a súa saúde se vise prexudicada debido a unha violación das normas de calidade do aire establecidas na directiva.
Acceso á xustiza e dereito de indemnización
A nova directiva garante un acceso xusto e equitativo á xustiza para as persoas afectadas ou que poidan verse afectadas pola aplicación da mesma. Os Estados membros deben garantir que os cidadáns teñan dereito a reclamar e obter unha indemnización cando a súa saúde se vise prexudicada debido a unha violación das normas de calidade do aire establecidas na directiva.
Próximos pasos
O texto publicarase no Diario Oficial da UE e entrará en vigor aos vinte días da súa publicación. Os Estados membros disporán de dous anos a partir da entrada en vigor para transpoñer a Directiva á súa lexislación nacional.
Para 2030, a Comisión Europea revisará as normas de calidade do aire e, a partir de entón, cada cinco anos, en consonancia coas probas científicas máis recentes.
Contexto
A contaminación atmosférica é o maior risco ambiental para a saúde en Europa, xa que os contaminantes poden ser extremadamente prexudiciais tanto para os seres humanos como para o ambiente. Arredor de 300 000 mortes prematuras en Europa prodúcense cada ano debido á contaminación atmosférica.
Para abordar o problema, a Comisión Europea presentou en outubro de 2022 a revisión e consolidación de dúas directivas sobre a calidade do aire, como parte do plan de acción de contaminación cero da UE. En febreiro de 2024 chegouse a un acordo entre os dous colexisladores sobre a forma final do texto.
Esta nova directiva simplifica as normas da UE sobre a calidade do aire ao fusionar as dúas directivas da UE existentes nunha soa. O seu obxectivo é aliñar os estándares de calidade coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).
Fonte: Consello da Unión Europea
Máis información:
- Texto adoptado polo Consello polo cal se revisa a Directiva sobre a calidade do aire.