A Presidencia polaca do Consello centra o seu programa de traballo na seguridade - Fundación Galicia Europa

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

— A Presidencia rotatoria do Consello está ostentada por Polonia no primeiro semestre de 2025.

— No seu programa de traballo, a seguridade é un elemento transversal ás dez prioridades que se marca baixo o lema “Seguridade, Europa” .

Bruxelas, 17 de xaneiro de 2024. No primeiro semestre de 2025, Polonia ostenta a Presidencia rotatoria do Consello. Tras a quenda de Hungría, esta presidencia chega nun momento de retos xeopolíticos importantes –a guerra en Ucraína e a situación en Oriente Medio seguen a ser as principais cuestións dentro da axenda política internacional. Ao mesmo tempo, intensificaranse os debates relativos ao próximo Marco Financeiro Plurianual e á redución da burocracia. Polo tanto, nos primeiros seis meses do ano será Polonia quen lidere as discusións nestes asuntos, antes de cederlle a Presidencia a Dinamarca o próximo mes de xullo.

O seu programa de traballo para os próximos seis meses céntrase na seguridade, atendendo a diferentes dimensións: defensa e seguridade, protección de persoas e fronteiras, resistencia á interferencia estranxeira e á desinformación, seguridade e liberdade de empresa, transición enerxética, un sector agrícola competitivo e resiliente, e seguridad sanitaria.

A continuación descríbense as prioridades en cada unha das formacións do Consello.

Defensa

O traballo do Consello centrarase principalmente en maximizar o apoio a Ucraína a nivel político, militar e económico, manter as liñas políticas actuais cara Rusia e Bielorrusia, e reforzar a seguridade e a resiliencia da Unión Europea e os seus aliados.

Para acadar estes obxectivos, a Presidencia traballará en colaboración coa Alta Representante da UE para Asuntos Exteriores en manter as relacións entre a UE e Ucraína, así como apoiar aos Estados membros no desenvolvemento das súas capacidades de defensa ante ciberameazas e ataques híbridos. Complementariamente, continuará coas discusións relativas ao financiamento da defensa e seguridade da Unión Europea.

En relación coa influencia estranxeira en Europa, a presidencia comprométese a traballar no desenvolvemento do paquete lexislativo “Defensa da Democracia”, encamiñado a reforzar e protexer os valores da Unión, tanto a nivel interno como exterior, cun particular énfase no estado de dereito, a ampliación da Unión, as interferencias externas, e a resiliencia democrática da Unión e a súa vacinade.

Protección das persoas

A protección da poboación civil tamén se perfila como un dos grandes eixos que guiarán o traballo da Presidencia polaca do Consello. Así, no contexto de loita contra o crime organizado prestarase atención ao proceso de preparación dun novo ciclo da Plataforma Europea Multidisciplinar contra Amezas Criminais (EMPACT, polas súas siglas en inglés), para o período 2026-2029.

Tamén poñerá en marcha o plan de acción europeo para combater actos ilícitos relacionados co tráfico de drogas e a trata de persoas.

Finalmente, a Presidencia traballará en apoiar a cooperación entre os Estados membros para a dixitalización da xustiza, especialmente en áreas importantes, tal e como se establece na Estratexia Europea de e-Xustiza 2024-2028.

Migración

En resposta aos retos migratorios, incluído a súa posible instrumentalización por parte de terceiros estados, a Presidencia polaca tratará de buscar solucións para o desenvolvemento dunha política migratoria efectiva dende o punto de vista da seguridade.

Así, ademais de abordar cuestións relacionadas coa prevención do tráfico de persoas, o terrorismo e a radicalización, a Presidencia polaca do Consello propón traballar en reforzar a efectividade do sistema de repatriación a través da colaboración con terceiros estados e outros instrumentos de presión. Con este fin, proporase a harmonización da lexislación nesta materia, así como a adopción de nova lexislación sobre repatriación.

Cabe destacar que esta nova Presidencia coincide co 40 Aniversario do Acordo Schengen, polo que se agardan diferentes actos encamiñados a remarcar este fito como un dos grandes logros da Unión Europea.

Política Económica e Competitividade

No eido económico cabe destacar que o borrador do Marco Financeiro Plurianual para 2027 será presentado pola Comisión en 2025. En previsión desta presentación, a Presidencia polaca organizará unha conferencia de expertos de alto nivel no mes febreiro para debater sobre a proposta e preparar reflexións que serán debatidas nunha reunión informal da formación de Asuntos Xerais.

O principal obxectivo da Presidencia en materia económica pasa por responder aos desafíos económicos e financeiros da UE. Por iso, a súas accións centraranse en reforzar o Mercado Único, especialmente en relación á libre circulación de capitais, e mellorar a competitividade da UE nos diferentes sectores económicos, incluídos a defensa.

Máis concretamente, Polonia tentará avanzar na tramitación da lexislación sobre servizos financeiros e imposición indirecta, imposición sobre a electricidade, a reforma da Unión Aduaneira e o Orzamento Europeo para 2026.

Ademais, a Presidencia polaca coincidirá coas discusións sobre o futuro da política industrial da UE e a descarbonización dos diferentes sectores económicos en vista da presentación do Pacto para unha Industria Limpa, polo que se liderarán as discusións neste tema no seo da institución.

Prestarase unha atención particular ao mantemento dunha competencia leal e ao impacto das axudas estatais na integridade do Mercado Único. O contexto para a discusión nesta área estará determinado polo previsto fin do marco temporal de crise e transición para as medidas de axudas estatais que apoian a economía despois da agresión de Rusia a Ucraína, ao final de 2025.

En canto ao turismo, a Presidencia terá tres obxectivos: promover Europa como un destino turístico seguro, aumentar a competitividade do turismo europeo sostible e os seus produtos, e aumentar o atractivo turístico das zonas menos populares e periféricas.

No eido da innovación, a presidencia subliña a necesidade de levar a cabo accións de carácter inclusivo, para estimular novas redes pan europeas de colaboración en investigación e innovación, a plena explotación do potencial e dos talentos da UE e as sinerxías entre as diferentes fontes de financiamento, tanto na Recomendación do Consello sobre a Axenda Política da Área Europea de Investigación (ERA) 2025-2027 como nas conclusións do Consello sobre a avaliación a medio prazo do Programa Horizonte Europa, nos que se comezará a traballar na primeira metade de 2025.

Política Rexional

Unhas rexións europeas socioeconomicamente cohesionadas e desenvolvidas representan para a nova Presidencia a base do progreso e a seguridade.

A Presidencia ten previsto, polo tanto, seguir traballando intensamente no eido da Política de Cohesión coa celebración dun debate sobre o seu futuro para o período despois de 2027. A base desta discusión serán tres informes publicados en 2024 sobre a materia: O informe do Grupo de Alto Nivel sobre o futuro da Política de Cohesión, o Informe de Cohesión e o Informe Letta. O principal obxectivo é adoptar unhas conclusións no mes de marzo que permitan establecer as bases da contribución do Consello ás futuras reformas da Cohesión que se leven a cabo por parte da Comisión Europea.

Transporte e Enerxía

O traballo da institución nos próximos meses pasará pola execución da revisión da Rede Trans-Europea de Transportes (RTE-E), o que segundo a presidencia non só axudará a avanzar ao Mercado Único, senón que tamén permitirá acadar unha Europa máis cohesionada, competitiva, sostible, e segura (isto último ao facilitar a mobilidade militar).

No eido da enerxía, buscarase preparar unhas conclusións do Consello sobre a actualización e reforzo da Estratexia Europea de Seguridade Enerxética, centrada en asegurar uns prezos baixos da enerxía para cidadáns e industria, así como a seguridade física e cibernética das infraestruturas.

Agricultura e Pesca

O traballo sobre agricultura e a pesca centrarase en mellorar a competitividade e resiliencia dos dous sectores para asegurar os ingresos dos agricultores e a seguridade alimentaria.

Organizarase un debate sobre a Visión para a Agricultura e a Alimentación que contribúa a determinar a Política Agrícola Común (PAC) post-2027. Tamén, buscarase racionalizar os obxectivos do Pacto Verde Europeo simplificando a arquitectura verde da PAC para que sexa aceptable para os agricultores.

No eido da pesca, a Presidencia polaca prestará atención á competitividade da frota pesqueira garantindo os seus intereses nas negociacións en organizacións rexionais e con terceiros países. Ademais, negociará emendas ás oportunidades de pesca para 2025 en diversas rexións pesqueiras, incluída a do Atlántico, así como as referidas a especies de augas profundas

Medio Ambiente

Na configuración de medio ambiente, a Presidencia centrarase en traballar na resiliencia do medio ambiente e as sociedades en vista do cambio climático. Máis concretamente, Polonia busca centrarse en avanzar na tramitación da lexislación pendente en materia de calidade dos solos, a directiva sobre desperdicios alimentarios e téxtiles, e a resiliencia da auga.

Emprego e Política Social

A  Presidencia polaca centrarase en tres prioridades: o futuro do traballo na Europa dixital; unha Europa de igualdade, cohesión e inclusión; e unha Europa que responda aos retos da transformación prateada. Como parte da prioridade sobre o futuro do traballo na Europa dixital, a Presidencia polaca celebrará unha discusión sobre diversos temas, entre eles iniciativas lexislativas relacionadas co uso da intelixencia artificial no posto de traballo e aquelas relacionadas co teletraballo e o dereito á desconexión. Tamén participará na revisión de 2025 da implementación do Plan de Acción do Pilar Europeo de Dereitos Sociais, cos seus tres obxectivos principais de aumentar o emprego, reforzar as competencias e cualificacións e reducir a pobreza entre os europeos de cara a 2030.

O cambio demográfico, incluíndo o envellecemento da poboación, é un dos retos máis importantes aos que se enfrontan Galicia e a UE hoxe en día. No marco da prioridade “Europa respondendo aos retos da transformación prateada”, a Presidencia polaca esforzarse por dar a debida prominencia á política que responde aos retos dunha poboación europea envellecida, entendida como un conxunto de actividades dirixidas a modelar as condicións para un envellecemento digno e saudable e garantir a realización dos dereitos fundamentais das persoas maiores. Así, e co fin de diagnosticar mellor os cambios demográficos e a situación no mercado de traballo, a Presidencia traballará para concluír o traballo na proposta de Regulamento sobre as estatísticas europeas de poboación e vivenda e na proposta de Regulamento sobre as estatísticas do mercado de traballo da Unión Europea relativas ás empresas.

Educación, Xuventude e Cultura

No ámbito educativo, a Presidencia polaca continuará os esforzos para promover a cooperación entre os países da UE co fin de construír sistemas de educación e formación máis resilientes e inclusivos. Máis concretamente, a presidencia iniciará discusións de alto nivel sobre a avaliación do 1º Ciclo da Área Europea de Educación co obxectivo de definir as perspectivas para unha maior cooperación e as súas prioridades para o 2º Ciclo no período 2025-2030.

No eido da xuventude, a Presidencia polaca pon o foco en  fortalecer a identidade europea entre os mozos europeos baseándose nos valores dos Tratados e a través dunha estratexia de comunicación para o Diálogo Xuvenil da UE.

No eido cultural, a Presidencia comezará unha discusión sobre o futuro do Programa Europa Creativa despois de 2027, tamén no contexto da revisión a medio prazo e do futuro orzamento, e as direccións do apoio da UE aos sectores cultural e creativo, para os cales Europa Creativa é a fonte de financiamento máis importante.

Contexto

A Presidencia do Consello da Unión Europea está baseada nun sistema rotatorio a través do cal esta está ostentada por un Estado membro diferente cada seis meses. Cada presidencia ten a responsabilidade de dirixir os traballos das diferentes formacións do Consello -salvo a formación de Asuntos Exteriores- , polo que cada unha establece o seu programa de traballo no que se especifican as súas prioridades no referente ao traballo lexislativo. Para unha maior coordinación e continuidade, cada presidencia traballa en colaboración coa presidencia precedente e sucesiva, dando lugar a programas de traballo conxunto.

Máis información: 

Detalles de contacto
Ismael Pérez