Proposta para mellorar a calidade dos períodos de prácticas na UE

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— A Comisión deu un paso adiante na mellora das condicións de traballo dos estudantes ou traballadores en prácticas. 

— Faino coa proposta dunha Directiva e dunha revisión dunha Recomendación do Consello, destinadas a abordar cuestións relativas á remuneración, a inclusividade e a calidade dos períodos de prácticas na UE

Bruxelas, 20 de marzo de 2024. Uns períodos de prácticas de calidade poden axudar aos mozos a conseguir unha experiencia laboral práctica, adquirir novas capacidades profesionais e, en última instancia, atopar un bo emprego.

No caso dos empregadores, supoñen unha oportunidade para atraer, formar e reter o talento.

Para que un período de prácticas sexa de boa calidade, deben darse unhas condicións de traballo correctas e transparentes, e debe contarse cun contido de aprendizaxe adecuada.

O marco de calidade para os períodos de prácticas da UE de 2014 estableceu vinte e un principios cualitativos con miras a que existan unhas condicións de aprendizaxe e traballo de alta calidade.

A Comisión, na súa avaliación de 2023 da Recomendación do Consello de 2014, constatou que tivera un impacto positivo na calidade dos períodos de prácticas na UE.

Con todo, na avaliación detectouse tamén marxe de mellora e tanto a Conferencia sobre o Futuro de Europa como o Parlamento Europeo instaron á Comisión a que elevase a calidade dos períodos de prácticas.

.A iniciativa presentada pola Comisión consta de:

  • unha proposta de Directiva relativa á mellora e o cumprimento das condicións de traballo dos estudantes ou traballadores en prácticas e á loita contra as relacións laborais regulares encubertas como períodos de prácticas.
  • unha proposta de revisión da Recomendación do Consello de 2014 sobre un marco de calidade para os períodos de prácticas, a fin de tratar cuestións de calidade e inclusividade, como unha remuneración adecuada e o acceso á protección social

En 2019, ano do que se dispón dos últimos datos fiables, calcúlase que na UE había 3,1 millóns de estudantes ou traballadores en prácticas. Aproximadamente a metade deles (1,6 millóns) tiñan prácticas remuneradas.

Reforzar os dereitos dos estudantes ou traballadores en prácticas 

A Directiva proposta axudará aos Estados membro a mellorar e facer cumprir unhas condicións de traballo de boa calidade para os estudantes ou traballadores en prácticas, e a loitar contra as relacións laborais regulares que se disfrazan de períodos de prácticas.

Entre os elementos clave da Directiva proposta, destacan os seguintes:

  • o principio de non discriminación, que garante que os estudantes ou traballadores en prácticas reciban o mesmo trato no referente ás condicións de traballo, incluída a remuneración, en comparación cos empregados habituais, a menos que se xustifique un trato diferente por razóns obxectivas, como a realización de tarefas distintas, menores responsabilidades, unha intensidade laboral máis reducida, ou ben o peso do compoñente de aprendizaxe e formación;
  • garantir que os períodos de prácticas non se utilicen para encubrir empregos regulares mediante controis e inspeccións; pedirase ademais aos Estados membro que teñan en conta a duración como posible aspecto para avaliar se hai un encubrimento, e ás empresas, que comuniquen o número de períodos de prácticas, a duración das prácticas e as condicións de traballo que rexen nelas;
  • permitir que os representantes dos traballadores tamén defendan os intereses dos estudantes ou traballadores en prácticas para garantir os seus dereitos;
  • esixir aos Estados membro que ofrezan canles para que os estudantes ou traballadores en prácticas poidan denunciar malas prácticas e malas condicións de traballo.

Períodos de prácticas máis adecuados e inclusivos

A Recomendación reforzada do Consello aplícase a todas as persoas en prácticas, independentemente da súa situación laboral, e inclúe, por tanto, os períodos de prácticas que forman parte dos plans de estudos de educación e formación formais e os necesarios para acceder a profesións específicas.

Entre os elementos clave da Recomendación revisada, destacan os seguintes:

  • recomendar que se ofreza unha remuneración adecuada aos estudantes ou traballadores en prácticas;
  • garantir que os estudantes ou traballadores en prácticas teñan acceso a unha protección social adecuada, especialmente unha cobertura apropiada que sexa acorde coa lexislación nacional de cada Estado membro;
  • nomear a un mentor que facilite aos estudantes ou traballadores en prácticas o respaldo e o asesoramento que necesiten;
  • promover a igualdade de acceso ás oportunidades de prácticas, para o que debe chegarse ás persoas en situación de vulnerabilidade e garantirse que os lugares de traballo sexan accesibles para os estudantes ou traballadores en prácticas con discapacidade;
  • permitir o traballo híbrido e virtual, procurando que os estudantes ou traballadores en prácticas reciban, en tal caso, o equipo necesario;
  • mellorar a empregabilidade mediante unha orientación profesional engadida e incentivos aos prestadores de prácticas profesionais para ofrecer aos estudantes ou traballadores en prácticas un posto regular despois do seu período de práctica

Estes aspectos novos súmanse aos xa existentes na Recomendación sobre o marco de calidade para os períodos de prácticas de 2014, como poñer anuncios de vacantes claros, proporcionar un convenio por escrito antes do inicio do período de prácticas no que se establezan as condicións destas, velar por que os períodos de prácticas non sexan excesivamente longos ou repetidos, procurar que a experiencia de aprendizaxe sexa unha parte fundamental, garantir os aspectos de saúde e seguridade e promover o seu recoñecemento posterior.

Próximas etapas

A Directiva que propuxo a Comisión someterase agora a debate co Parlamento Europeo e os Estados membro.

Unha vez que os colexisladores adopten a Directiva proposta, os Estados membro dispoñerán de dous anos para incorporala ao dereito nacional.

A Recomendación do Consello presentarase ao Consello para o seu exame e adopción.

A continuación, a Comisión axudará aos Estados membro a que apliquen a Recomendación e pediralles que faciliten información actualizada sobre as iniciativas nacionais, as reformas, as mellores prácticas e as estatísticas correspondentes.

Antecedentes

O marco de calidade para os períodos de prácticas de 2014 da UE estableceu vinte e un principios cualitativos en relación cos períodos de prácticas que se recomenda aplicar aos Estados membro para que existan unhas condicións de aprendizaxe e traballo de alta calidade.

A Comisión, na súa avaliación de 2023 da Recomendación do Consello de 2014, constatou que tivera un impacto positivo na calidade dos períodos de prácticas na UE. Con todo, na avaliación tamén se puxo de relevo que hai marxe de mellora en canto á aplicación, o seguimento e o cumprimento dos principios de calidade do marco.

Calcúlase que na UE hai ao redor de 3,1 millóns de estudantes ou traballadores en prácticas (dos cuales 1,6 millóns teñen prácticas remuneradas) e prevese que a demanda de períodos de prácticas aumente polo menos un 16% de aquí a 2030.

Segundo unha enquisa do Eurobarómetro de 2023, o 78% dos mozos europeos realizaron polo menos unhas prácticas e o 68% afirmaron atopar un emprego despois.

O 21% dos enquisados realizaron as prácticas noutro Estado membro, o cual supón un aumento importante desde 2013 (9%).

O paquete presentado da seguimento á Resolución do Parlamento Europeo de xuño de 2023, na que se instaba á Comisión para actualizar o marco de calidade de 2014; á Conferencia sobre o Futuro de Europa, na que os cidadáns da UE pediron á Comisión que garantise períodos de prácticas de calidade, e ao Ano Europeo da Mocidade.

Tamén contribúe á realización do Ano Europeo das Competencias e complementa a Garantía Xuvenil reforzada e outras iniciativas da Comisión de apoio ao emprego xuvenil.

Máis información: Comisión Europea

Preguntas e respostas sobre a mellora da calidade dos períodos de prácticas na UE

Proposta de Directiva

Proposta de Recomendación do Consello

Avaliación de impacto

Recapiti
Anxo Rodas Arca