Boletín mensual de novas sobre a actualidade da UE | FGE

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

Os líderes europeos veñen de adoptar a Axenda Estratéxica 2024-2029, un documento que ha de orientar os traballos das tres institucións comunitarias nos próximos anos. O compromiso da UE por converterse no primeiro continente climaticamente neutro segue intacto pero cun maior fincapé no reforzo da competitividade. A nova realidade xeopolítica leva á UE a apostar decididamente pola industria de defensa e a estudar reformas internas no funcionamento e as políticas europeas para que a engrenaxe comunitaria sexa capaz de soster unha Unión máis grande e máis forte no futuro.

É neste contexto no que, desde Galicia, estamos a traballar con outras rexións europeas para defender que siga habendo unha política rexional forte. Tamén reivindicamos que a política industrial e de innovación faga maiores esforzos por interconectar os ecosistemas rexionais e que, na aplicación do novo Regulamento sobre a Restauración da Natureza, se garanta o equilibrio entre a conservación da biodiversidade e o desenvolvemento dos sectores produtivos. 

En todo iso traballamos nun mes marcado polas visitas a Bruxelas da directora da Axencia Galega de Innovación e do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, quen recolleu o premio que acredita a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, tras a presentación dunha candidatura baseada na promoción do emprendemento nas zonas rurais. 

No ámbito pesqueiro, invitamos a facer chegar calquera comentario sobre o funcionamento e os instrumentos da actual Política Pesqueira Común ata o 6 de setembro. Esta consulta lanzada pola Comisión Europea vai en liña coa reivindicación feita por Galicia no ditame que liderou o ano pasado no Comité Europeo das Rexións para que esta política comunitaria sexa revisada tras 10 anos de funcionamento.

Boa lectura e feliz verán!

Recapiti
Selene García