O Comité das Rexións publica o seu Informe sobre o Estado das Rexións e Cidades

Compatibilità
Salva(0)
Condividi

— Este ano, o informe céntrase en cuestións como a democracia, as transicións ás que Europa fai fronte, o futuro da Política de Cohesión e o financiamento europeo.

Bruxelas, 14 de outubro de 2024. O pasado 7 de outubro o Comité das Rexións publicou o seu Informe Anual sobre o Estado das Rexións e Cidades na Unión Europea correspondente ao ano 2024. Este informe, baseado en diferentes estudos do Comité e institucións europeas, realiza unha análise da situación na que se atopan cidades e rexións da Unión Europea dende diferentes puntos de vista. As principais conclusións do informe foron presentadas no pleno do Comité das Rexións polo presidente do organismo, Vasco Alves Cordeiro, en compañía da comisaria de Política Rexional, Elisa Ferreira.

Entre os temas abordados, atópanse algúns de grande interese para Galicia. Así, destacan a necesidade de reforzar a democracia en Europa, a execución de políticas como a Cohesión, o Pacto Verde e a Política Industrial, ou debates relativos ao futuro Marco Financeiro Plurianual da Unión para o período post-2027, entre outros temas.

O informe reserva un lugar destacado para o caso de Galicia, rexión galardoada dentro do programa Rexión Europea Emprendedora 2025 polo seu compromiso con empresas establecidas en áreas rurais para que estas podan actuar como catalizador de desenvolvemento económico e creación de emprego.

Reforzo da democracia a través do nivel rexional

A análise que o Comité das Rexións fai da actual situación política na que se atopa a democracia europea destaca que Europa se atopa nun momento de polarización e división que dificulta a toma de decisións que permita avanzar na consecución dos diferentes obxectivos.

Neste contexto, os niveis de goberno rexional e local son presentados como a solución a esta situación dado que executan unha gran parte das políticas comúns e permiten a participación directa dos cidadáns no proceso decisorio. Isto reflíctese nunha maior taxa de confianza nas autoridades rexionais e locais por parte dos cidadáns, tal e como amosa o Eurobarómetro da Comisión Europea realizado en maio de 2024. O informe conclúe, pois, que as rexións e municipios constitúen unha importante ferramenta a través de cal reforzar a democracia en Europa.

Máis concretamente, o Comité das Rexións chama a respectar e reforzar o principio de subsidiariedade co fin de asegurar que as diverxencias territoriais sexan tidas en conta no proceso decisorio.

Cohesión

As rexións e as cidades desempeñan un papel crucial na cohesión económica, social e territorial da Unión Europea. Ao seren o nivel de goberno máis próximo aos cidadáns, estes niveis de goberno poden axudar no deseño e execución das políticas de cohesión e transición xusta no contexto actual de execución das transicións verde e dixital, así como nun contexto xeopolítico internacional inestable que, agárdase, pode impactar de forma moi desigual aos diferentes territorios. De feito, no informe obsérvase que no caso de Europa non todas a rexións comparten o mesmo nivel de riscos socioeconómicos asociados a este proceso de transición ecolóxica. Dentro dun índice de 0 (ningún risco) a 100 (completamente en risco), Galicia atópase clasificada, xunto á maioría de rexións da súa contorna, entre aquelas que presentan un risco socioeconómico medio-baixo en vista á execución da transición verde con entre 20 e 40 puntos. É por iso que o Comité considera necesario atopar solucións que teñan en conta o contexto local dos diferentes territorios, o que só se pode conseguir incluíndo aos entes rexionais e locais no plantexamento e execución da política de cohesión.

O cambio demográfico que a Unión Europea está experimentando é outro dos maiores retos para o futuro da cohesión en Europa. Cunha poboación activa en diminución, un crecente avellentamento da mesma e unha fuga de talentos en moitos territorios, alértase de que estes factores poden converterse nunha nova fonte de desigualdades entre rexións de non ser eficazmente abordadas a nivel rexional. Neste contexto, o informe reserva un lugar destacado para o caso de Galicia, rexión galardoada dentro do programa Rexión Europea Emprendedora 2025 polo seu compromiso con empresas establecidas en áreas rurais para que estas podan actuar como catalizador de desenvolvemento económico e creación de emprego.

Pacto Verde e Política Industrial

En relación co Pacto Verde, cómpre lembrar que as rexións e as cidades en Europa son responsables de executar o 70% das accións ligadas á mitigación dos efectos do cambio climático e o 90% daquelas relacionadas coa adaptación dos territorios. Por tanto, as entidades rexionais e locais xogan un moi relevante na transición ecolóxica ao contar con competencias en múltiples ámbitos clave. Este é o caso da enerxía ou da transición cara unha economía circular, onde rexións como Galicia son as principais responsables de adoptar medidas en base ás súas competencias. Por todo isto, o CdR urxe ás institucións europeas a recoñecer a importancia do papel que xogan estas entidades na execución do Pacto Verde no actual contexto de emerxencia climática.

O informe defende que actuar no eido medioambiental resulta crítico para asegurar o desenvolvemento económico e social das diferentes rexións. Nas próximas décadas agárdase que as rexións e cidades europeas deban facer fronte a riscos asociados ao cambio climático de forma máis intensa e desigual. Nun contexto de aumento de temperaturas de 2ºC ou máis, a adaptación e a mitigación do cambio climático custaría entre un 10% e un 12% do actual PIB da Unión Europea a final de século. Esta proporción varía, sen embargo, de rexión a rexión, e Galicia é un dos territorios onde se pode observar este impacto desigual do cambio climático. Segundo o informe, a adaptación ao cambio climático custaría nas provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra entre un 0,5% e un 1% do PIB, mentres que na provincia de Ourense os custos ascenderían a entre un 1% e un 1,5%. Isto garda relación coas diferenzas territoriais existentes en canto á exposición da poboación aos efectos nocivos do clima. Co entre o 50% e o 75% da súa poboación nesta situación, a provincia de Ourense é a provincia galega cuxa poboación está máis exposta a este tipo efectos, mentres que esta porcentaxe baixa a entre un 25% e un 50% da poboación no resto das provincias da comunidade.

Ao mesmo tempo, o Comité das Rexións fai unha chamada a non esquecer a necesidade de desenvolver unha política industrial común que beneficie a todos os territorios. Se ben o informe fala de ter en conta o tecido produtivo de cada rexión á hora de elaborar unha política común, este tamén fai fincapé na importancia do sector das enerxías renovables como sector económico do futuro que pode axudar a moitas rexións a abandonar a listaxe de territorios en declive socioeconómico. Nunha clasificación de territorios en relación co potencial que presentan á hora de desenvolver este sector, as catro provincias galegas sitúanse entre as rexións que presentan maior capacidade de xeración de enerxía, o que segundo o organismo pode resultar de gran axuda para o seu desenvolvemento económico.

O futuro Marco Financeiro Plurianual post-2027

Finalmente, o informe do Comité das Rexións lembra que rexións e cidades son responsables de executar o 70% da lexislación europea, o 50% dos investimentos e o 33% do gasto público. Sen embargo, non todos os entes contan cos mesmos recursos económicos para facer fronte a esta realidade onde as entidades sub-estatais teñen un papel tan relevante. É por iso que, do Marco Financeiro Plurianual post-2027, o informe chama a atención sobre a necesidade de que no próximo período se teñan en conta as diferencias territoriais á hora de deseñar e executar os diferentes programas financeiros. Para isto é necesario que no futuro a execución dos diferentes fondos vaia acompañado de informes que analicen e describan o seu impacto a nivel local e rexional.

Máis información: 

Recapiti
Ismael Pérez