— O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou esta tarde na inauguración do primeiro dos encontros protagonizado polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras
— Diego Calvo destaca que esta iniciativa permitirá dar a coñecer a experiencia de referentes en distintos ámbitos que “levan o selo galego polo mundo” e, ao mesmo tempo, reforzar a proxección internacional da marca Galicia Calidade
Bruxelas, 19 de febreiro de 2026. O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral técnico da Consellería, Javier Abad, e do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta tarde na inauguración do ciclo de eventos Galicia Calidade. Diálogos en Bruxelas, organizado pola Xunta a través da Fundación Galicia Europa co obxectivo de reforzar a visibilidade da comunidade galega na Unión Europea. Trátase dunha serie de encontros e diálogos con referentes de distintos ámbitos -empresarial, sociocultural, político…- de orixe ou con vínculos con Galicia que abordarán asuntos estratéxicos como a innovación, a competitividade económica ou, entre outros, os retos sociais.
Ao primeiro dos encontros, que estivo protagonizado polo conselleiro delegado de Inditex, Óscar García Maceiras, acudiron máis dun cento de asistentes, entre eles galegos que traballan en institucións e entidades europeas.
Un espazo de diálogo para reforzar a marca Galicia na UE
O ciclo Galicia Calidade. Diálogos en Bruxelas inclúe entre os seus obxectivos fomentar o diálogo sobre o papel das empresas galegas no ámbito europeo e internacional, abordar retos claves no contexto da UE como os cambios regulamentarios, a sustentabilidade ou a promoción da tracción económica de Galicia a través de exemplos de éxito.
Tal e como avanzou Diego Calvo, a iniciativa pretende unir o coñecemento, a experiencia e, en definitiva, o talento de referentes en diversos ámbitos que “levan o selo galego polo mundo” e comparten valores como “o esforzo, o traballo ou a excelencia”. De aí a razón deste espazo de diálogo, para fortalecer o contacto entre a comunidade galega en Bruxelas con institucións europeas e españolas, e poñer en valor esa Galicia Calidade que “construímos entre todos, da que nos sentimos profundamente orgullosos e que debemos seguir coidando e potenciando”.
Fonte: Xunta de Galicia