Aberto o prazo de inscrición para a 24ª edición do curso en financiamento comunitario TecEuropa - Fundación Galicia Europa

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

— Organizado pola Fundación Galicia Europa, o curso celebrarase de maneira presencial en Bruxelas entre o 23 e o 25 de xuño.

— O período de inscrición está aberto ata o vindeiro 21 de maio.

Bruxelas, 30 de abril de 2026. Xa está aberto o prazo de inscrición para a 24ª edición de TecEuropa, o curso de financiamento comunitario de referencia en Galicia, organizado pola Fundación Galicia Europa. O programa celebrarase de maneira presencial en Bruxelas entre o 23 e o 25 de xuño e a asistencia é de balde. As solicitudes de inscrición poderán presentarse ata o 30 de maio a través desta ligazón.

TecEuropa conta cun aforo máximo de 30 persoas e a participación é gratuíta. As admisións faranse segundo a orde de solicitude e a FGE velará por un equilibrio entre entidades públicas e privadas.

Ao longo de tres días, as persoas participantes terán acceso a unha visión integral das fontes de financiamento europeo dispoñibles e das políticas europeas relacionadas con elas. O obxectivo é facilitar a identificación das diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo, a través de programas como Horizonte Europa ou LIFE. Así mesmo, o programa permitirá coñecer de primeira man as principais institucións comunitarias, con visitas á Comisión Europea, ao Parlamento Europeo, ao Consello da Unión Europea, así como ao Comité Europeo das Rexións e ao Comité Económico e Social Europeo.

Esta vixésima cuarta edición de TecEuropa está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco dun convenio asinado entre a Consellería de Facenda e a Fundación Galicia Europa.

Que é TecEuropa?

En 2015, a Fundación Galicia Europa puxo en marcha o curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa co obxectivo de proporcionar ao persoal técnico das entidades galegas unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da Unión Europea a través dos diferentes fondos e programas.

Coas máis de mil persoas que participaron en edicións anteriores, TecEuropa aspira tamén a afianzar en Galicia unha rede de técnicos en proxectos europeos que permita compartir experiencias e coñecementos, así como desenvolver eventualmente proxectos conxuntos.

Consulta nesta ligazón a información sobre esta edición.

Máis información: Programa TecEuropa

Coordonnées
Adriana Rodríguez Novo