A Xunta busca os mellores proxectos europeos de Galicia - Fundación Galicia Europa

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

— Convocada a terceira edición do concurso de proxectos #EuropaXunta, que ten como obxectivo concienciar sobre a importancia dos fondos europeos en Galicia 

— O prazo para presentar as candidaturas remata o vindeiro 19 de xuño de 2026 ás 15.00 horas

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026. A Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos (DXCFE) da Consellería de Facenda e Administración Pública organiza por terceiro ano o Concurso Anual de Fondos Europeos de Galicia (#EuropaXunta).

Con esta iniciativa quérese premiar os mellores proxectos europeos galegos e dar visibilidade á importancia dos fondos europeos, ademais de concienciar a cidadanía sobre o seu impacto no desenvolvemento económico e social de Galicia. O concurso selecciona, recoñece e difunde os proxectos que recibiron financiamento a través dos distintos fondos europeos.

Os criterios de avaliación dos proxectos terán en conta o seu impacto e relevancia estratéxica, valorando a súa capacidade transformadora e a súa contribución aos obxectivos das políticas apoiadas pola Unión Europea. Tamén se avaliarán o seu carácter innovador e a eficiencia na resolución dos retos identificados.

Así mesmo, valorarase a viabilidade económica do proxecto e o seu aliñamento cos principios horizontais da Unión Europea, especialmente no relativo á loita contra o cambio climático, á igualdade de xénero, á igualdade de oportunidades e á accesibilidade. Igualmente, teranse en conta o grao de participación da cidadanía e a capacidade do proxecto para difundir os beneficios dos fondos europeos e a súa contribución á sociedade.

O concurso consta de dúas fases.

Primeira fase: selección técnica. Un xurado técnico especializado avaliará os proxectos presentados conforme aos criterios establecidos nas bases do concurso. Entre os proxectos elixibles, seleccionarase o máis destacado de cada categoría, procurando garantir a representatividade dos distintos fondos.

Segunda fase: presentación e votación final. A fase final celebrarase, previsiblemente, en outubro de 2026 no marco do Acto Anual de Comunicación. Os proxectos finalistas de cada categoría realizarán unha presentación en galego de cinco minutos. Unha vez rematadas todas as presentacións, levarase a cabo unha votación final para elixir o proxecto gañador, que será recoñecido como o mellor proxecto cofinanciado do concurso #EuropaXunta 2026 e recibirá a distinción de proxecto europeo do ano en Galicia.

Categorías premiadas

Os proxectos que se presenten ao concurso, deberán facelo nalgunha das seguintes 6 categorías:

  • #EuropaXunta é máis intelixente, competitiva e dixital: proxectos orientados á innovación, á investigación, á transformación industrial, ao apoio ás pemes e á dixitalización.
  • #EuropaXunta é máis verde e conectada: proxectos relacionados coa transición ecolóxica e enerxética, a protección do medio ambiente, a mobilidade sostible e a loita contra o cambio climático.
  • #EuropaXunta pola inclusión social: proxectos destinados a promover a inclusión social, combater a pobreza e mellorar o acceso aos servizos básicos das persoas máis vulnerables.
  • #EuropaXunta pola educación e o emprego: proxectos centrados na educación, a formación, a empregabilidade, o emprendemento e a mellora das oportunidades de acceso ao mercado laboral.
  • #EuropaXunta no ámbito local: proxectos desenvolvidos polas administracións locais galegas no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI).
  • #EuropaXunta é innovadora e novidosa: proxectos en execución que incorporen novidades respecto do financiado en períodos anteriores ou novas formas de abordar os retos actuais, modificando as formas de actuación existentes.

As solicitudes deberán presentarse antes das 15.00 horas do 19 de xuño de 2026 a través do formulario de participación, que deberá remitirse ao correo electrónico dx.politica.cohesion.fondos.europeos.facenda@xunta.gal.

Máis información: Bases da convocatoria

Coordonnées
María Sabarís