Galicia reivindica en Quebec o papel das rexións no futuro da Macrorrexión Atlántica
10/06/2026 | Macrorrexión Atlántica
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, defendeu na Asemblea Xeral da Comisión do Arco Atlántico unha maior participación das rexións no deseño das políticas europeas para o espazo atlántico
— Galicia defende a integración da dimensión territorial e rexional na futura Estratexia Marítima e Macrorrexional do Atlántico para reforzar a cohesión, a competitividade e a resiliencia dos territorios costeiros
Quebec (Canadá), 10 de xuño do 2026. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na localidade canadense de Quebec na Asemblea Xeral da Comisión do Arco Atlántico, foro no que defendeu a necesidade de avanzar cara a unha Macrorrexión Atlántica que complemente a actual Estratexia Marítima Atlántica para que incorpore unha maior dimensión territorial e rexional.
Durante a súa intervención no debate sobre o fortalecemento do papel do Atlántico europeo, Gamallo lembrou que Galicia vén impulsando desde hai máis dunha década a creación dunha Macrorrexión Atlántica que dea voz aos territorios e especialmente ás rexións costeiras na definición da política europea. Nesta liña, destacou que a futura estratexia debe reforzar unha gobernanza multinivel descentralizada e garantir unha participación efectiva das rexións na toma de decisión nos ámbitos nos que teñen competencias directas.
O director xeral recalcou que a actual Estratexia Marítima do Atlántico supuxo un avance relevante ao situar esta conca oceánica no centro das políticas europeas, pero considerou necesario incorporar de forma máis decidida a dimensión territorial dos espazos atlánticos e o papel das rexións na xestión das súas áreas de influencia económica e social.
No eido da cooperación territorial orientada á creación de economías de escala e ao desenvolvemento de proxectos compartidos, o director xeral salientou a experiencia da macrorrexión RESOE (Rexións do Sudoeste Europeo), promovida por Galicia xunto con outras comunidades autónomas e rexións portuguesas. Tamén incidiu no papel da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo (CRUSOE), que desenvolve un traballo indispensable para favorecer a integración das universidades atlánticas no proceso de construción da futura macrorrexión.
Corredor Atlántico e conexións estratéxicas
Entre as prioridades para os próximos anos, Gamallo subliñou así mesmo a necesidade de garantir a continuidade das cadeas loxísticas cara ao interior de Europa e reclamou o impulso ao Corredor Atlántico, considerado clave para reforzar a conectividade dos portos atlánticos e mellorar o transporte de mercadorías entre Europa e o resto do mundo.
Do mesmo xeito, apuntou á importancia de avanzar cara a unha loxística intermodal intelixente, baseada na integración dos distintos modos de transporte, na utilización de enerxías renovables e na creación de plataformas compartidas de xestión de datos entre as rexións atlánticas.
Fonte: Xunta de Galicia