A iniciativa do Centro Comercial Aberto marinense foi distinguida pola Xunta como campaña extraordinaria e contará con financiamento específico dentro da convocatoria de apoio aos CCA.
Marín, 24 de xuño de 2026
O Centro Comercial Aberto Estrela de Marín vén de situarse entre as referencias galegas da dinamización comercial ao ser seleccionado pola Xunta de Galicia como un dos cinco centros comerciais abertos que desenvolverán unha campaña extraordinaria ao abeiro da convocatoria de axudas de 2026.
A distinción foi posta en valor nun acto celebrado en Santiago de Compostela, no que os representantes dos cinco CCA recoñecidos foron recibidos polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén e pola subdirectora Laura Fontenla.
No caso de Marín, a campaña escollida leva por título “Que é un comercio”, unha proposta coa que Estrela de Marín quere reivindicar o valor do pequeno comercio non só como motor económico, senón tamén como espazo de confianza, proximidade, acompañamento e identidade de vila.
A iniciativa desenvolverase no mes de outubro e xirará arredor de Estrelín, a mascota do CCA, que dará un paso máis na súa evolución ao converterse nunha mascota corpórea. Esta nova figura será unha das grandes protagonistas dunha campaña pensada para conectar especialmente coa infancia, coas familias e co conxunto da veciñanza.
Entre as accións previstas inclúese un programa de visitas aos centros educativos de infantil e primaria, nas que Estrelín explicará á rapazada, dun xeito próximo e adaptado, que é un comercio e por que resulta esencial para a vida diaria dunha comunidade. A campaña incorporarase tamén ao fogar a través dun libro para colorear, pensado para reforzar esta mensaxe entre os máis pequenos e as súas familias.
A proposta contará ademais con presenza nos escaparates comerciais, que se converterán en altofalantes dunha mensaxe clara: o comercio local é moito máis que un punto de venda. É trato humano, é servizo, é coñecemento e é parte esencial da vida dunha vila como Marín.
A campaña completarase con regalos promocionais, cupóns de desconto e coa celebración da segunda edición da Burger Fest, unha fórmula coa que Estrela de Marín volverá vincular comercio, hostalaría e dinamización urbana nunha mesma acción.
Desde a entidade, este recoñecemento interprétase como un respaldo ao traballo realizado nos últimos anos e á capacidade do comercio local marinense para impulsar proxectos innovadores, con identidade propia e capacidade real de conexión coa cidadanía.
A selección de “Que é un comercio” entre as cinco mellores campañas extraordinarias de Galicia supón tamén un impulso para seguir reforzando a imaxe de Marín como unha vila activa, creativa e comprometida co seu comercio local.