EURegions4Cohesion reúnese por terceira vez co Parlamento Europeo no marco das negociacións do MFP 28-34 - Fundación Galicia Europa

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

— O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou no Parlamento Europeo nun encontro da coalición EURegions4Cohesion

— A simplificación dos fondos europeos non debe traducirse nunha centralización que debilite a cohesión territorial

Bruxelas, 1 de outubro de 2026. Galicia defendeu o pasado martes no Parlamento Europeo a necesidade de que as rexións teñan un papel relevante na configuración e xestión do próximo Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea para o período 2028-2034. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou nun encontro da coalición EURegions4Cohesion, organizado coa colaboración da Fundación Galicia Europa. O encontro reuniu máis de 35 responsables rexionais europeos, máis de 30 eurodeputados e a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola.

Durante o debate, Galicia trasladou as súas principais demandas ante a proposta da Comisión Europea para o novo marco financeiro. Así mesmo, valorou positivamente a simplificación dos instrumentos de financiamento europeos, pero advertiu de que esta non debe traducirse nunha perda de capacidade de decisión das rexións nin nunha centralización das competencias nos Estados membros.

Unha posición compartida por 144 rexións europeas

As reivindicacións de Galicia coinciden coa posición da rede EURegions4Cohesion, integrada por 144 rexións de 20 países europeos (entre elas as 17 comunidades autónomas españolas), que reclama unha política de cohesión forte, cun financiamento adecuado, baseada na gobernanza multinivel e na participación das rexións na toma de decisións.

Durante o encontro, os representantes rexionais defenderon que a competitividade e a cohesión territorial deben avanzar da man e apostaron por manter a cohesión como unha política propia da Unión Europea, cun orzamento sólido e unha clara dimensión territorial.

Na clausura, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, destacou a importancia de preservar a política de cohesión como un instrumento clave para o desenvolvemento e a prosperidade das rexións europeas.

Fonte: Xunta de Galicia

Máis información: EUregions4Cohesion – Position paper

Coordonnées
Adriana Rodríguez Novo