Reforzar a posición de Europa como primeiro destino turístico do mundo

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

— A nova estratexia da Comisión Europea busca reforzar a competitividade, a sustentabilidade e a resiliencia do sector turístico e manter Europa como primeiro destino do mundo.

O 4 de novembro, a Comisión Europea presentou a nova Tourism strategy – Estratexia da UE para o Turismo Sustentable, co obxectivo de aumentar a competitividade, a sustentabilidade e a resiliencia do sector e manter Europa como o principal destino turístico do mundo.

Turismo, sector clave para Europa

O turismo achega o 10 % do valor engadido bruto da UE, sustenta máis de 20 millóns de postos de traballo e agrupa 5 millóns de empresas, o 99 % delas pemes. Ademais, fomenta a cultura e contribúe á influencia global de Europa.

O sector enfróntase a retos como a incerteza xeopolítica, a ciberseguridade, a escaseza de talento, o cambio climático e a distribución desigual dos fluxos de visitantes. As pemes sofren ademais a fragmentación, as cargas administrativas e as carencias en dixitalización. Con todo, o interese por viaxar segue sendo forte: o 76 % dos europeos ten previsto viaxar nos próximos seis meses.

A estratexia axudará as empresas, especialmente as pemes, a acceder a competencias, ferramentas dixitais e datos, simplificará normas e modernizará o IVE aplicable ao sector. Entre as accións emblemáticas están a Academia de Turismo da UE, o Observatorio de Turismo da UE, o Espazo Común Europeo de Datos sobre Turismo e a iniciativa de simplificación da UE en materia de turismo, ademais do traballo para lograr un espazo europeo de viaxes sen barreiras. A Comisión prepara tamén un estudo sobre as condicións laborais e os salarios, cuxos resultados se presentarán en 2028.

Un turismo máis equilibrado

A estratexia busca que os fluxos de visitantes se axusten á capacidade de cada destino e beneficien a visitantes, empresas e comunidades locais. A Comisión apoiará os destinos para que repartan os turistas entre estacións e territorios, fomenten as viaxes durante todo o ano e melloren a súa preparación ante crises, o que tamén favorecerá os destinos menos coñecidos. Entre as accións figuran un modelo da UE para a xestión do turismo, unha recomendación do Consello e un conxunto de ferramentas con pautas comúns, por exemplo sobre alugueres de curta duración, que estará listo de cara ao próximo verán. Tamén haberá un Diálogo de Cooperación sobre Cruceiros e unha rede de coordinación da UE para as crises turísticas. Reforzarase ademais o turismo accesible.

O transporte é a base do turismo, polo que a estratexia inclúe medidas sobre ferrocarril, aviación, billetes e aluguer transfronteirizo de coches, e fomenta a bicicleta e os desprazamentos a pé, con especial atención ás illas e ás rexións costeiras e remotas.

Reforzar Europa como destino

Europa representa arredor do 40 % das chegadas de turistas internacionais, pero compite con grandes destinos que se presentan baixo unha única identidade. A estratexia potenciará o seu atractivo mediante unha cooperación internacional máis sólida (OMT, OCDE, ONU Turismo e socios como Asia Central, a India e o Xapón) e a promoción a través do marco «Destino Europa», que reforza a visibilidade de Europa sen substituír a promoción nacional e rexional. Crearanse tamén os Premios ás Capitais Europeas do Turismo.

Unha nova Alianza da UE para o Turismo reunirá autoridades, institucións europeas, empresas e sociedade civil. A Comisión seguirá apoiando o sector cos programas de financiamento da UE: calcúlase que, no marco 2021-2027, o turismo se terá beneficiado de, polo menos, 18.000 millóns de euros. Aínda que o turismo é, principalmente, competencia dos Estados membros e das rexións, a estratexia céntrase nos ámbitos nos que a acción conxunta achega valor engadido e non harmoniza as lexislacións nacionais.

Máis información:

Commission strengthens Europe’s position as the world’s leading tourism destination – Mobility and Transport

Coordonnées
Sara Pose