— A Comisión Europea e a Xunta de Galicia analizan a futura Lei de Aceleración Industrial e as súas implicacións para a competitividade e o tecido produtivo galego
Bruxelas, 16 de novembro de 2026. A Fundación Galicia Europa (FGE) celebrou hoxe un novo Encontro Virtual Xunta-UE sobre a futura Lei de Aceleración Industrial, unha iniciativa da Comisión Europea destinada a reforzar a competitividade industrial europea, impulsar a produción propia e reducir dependencias estratéxicas.
A sesión foi inaugurada por Ana Ramos Barbosa, directora da FGE, quen destacou a importancia de recuperar o peso da industria na economía europea, co obxectivo de que represente o 20 % do PIB en 2035, así como as oportunidades que esta iniciativa pode xerar para os sectores estratéxicos galegos. No encontro participaron tamén Cecilia Serrano-Piedecasas, policy officer da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e Pemes (DG GROW) da Comisión Europea, e Norberto Penedo Rey, director da Área de Competitividade do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape).
Cecilia Serrano presentou os principais eixes da proposta: a simplificación e dixitalización dos trámites administrativos para proxectos industriais, a creación de áreas de aceleración para atraer investimentos en tecnoloxías limpas e o establecemento de condicións específicas para determinados investimentos estranxeiros en sectores estratéxicos. A iniciativa tamén busca impulsar a demanda de produtos e tecnoloxías hipocarbónicas fabricadas en Europa, mediante a incorporación de criterios de fabricación europea e baixas emisións na contratación pública e nos mecanismos de apoio público.
Pola súa banda, Norberto Penedo analizou as oportunidades e os desafíos que a futura lei presenta para Galicia, especialmente en sectores como a automoción, o metal, os materiais de construción e a industria naval. Así mesmo, destacou a necesidade de adaptar as áreas de aceleración ás capacidades de cada territorio e acompañar a simplificación administrativa con melloras nas infraestruturas enerxéticas, no solo industrial e na captación de talento, sen deixar atrás as pemes.
O debate abordou tamén a tramitación da proposta, actualmente en negociación entre o Consello e o Parlamento Europeo, e a importancia de garantir a participación das rexións na súa aplicación. Neste sentido, salientouse o papel da política de cohesión para asegurar que a transformación industrial beneficie a todos os territorios europeos.