IoT e demencia: tecnoloxía ao servizo da autonomía e da calidade de vida

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

A tecnoloxía pode converterse nunha gran aliada das persoas con demencia e das súas familias. A través de solucións como a domótica e a Internet das Cousas (IoT), é posible crear contornas máis seguras e accesibles que favorezan a autonomía persoal sen renunciar á liberdade nin á vida cotiá.

Cando aparecen os primeiros síntomas da demencia, como os esquecementos, a desorientación ou as dificultades para realizar determinadas actividades, é habitual que as familias comecen a asumir tarefas que a persoa aínda pode facer por si mesma. Aínda que esta reacción responde ao desexo de protexela, coidar non debería significar substituíla antes de tempo.

Neste contexto, a tecnoloxía ofrece novas posibilidades para acompañar as persoas con demencia, facilitar o seu día a día e proporcionar tranquilidade a quen as coida. A Internet das Cousas (IoT) e a domótica permiten incorporar pequenos dispositivos e sistemas intelixentes no fogar que axudan a previr situacións de risco e a manter hábitos e actividades significativas.

Un fogar máis accesible, seguro e adaptado

A tecnoloxía aplicada ao ámbito doméstico non ten por que transformar unha vivenda nun espazo cheo de dispositivos. O seu verdadeiro potencial está en ofrecer apoios discretos, adaptados ás necesidades de cada persoa e ás súas rutinas.

Algunhas solucións que poden resultar útiles son:

  • Sensores de movemento e iluminación intelixente: permiten acender automaticamente luces de baixa intensidade durante os desprazamentos nocturnos, facilitando a orientación e reducindo o risco de caídas.
  • Detectores de fume e gas: xunto con sistemas de apagado automático e temporizadores, poden contribuír a previr accidentes na cociña sen necesidade de restrinxir prematuramente esta actividade.
  • Pastilleiros intelixentes e recordatorios: axudan a organizar a medicación e lembrar as tomas mediante avisos visuais, sonoros ou conectados.
  • Dispositivos de xeolocalización e botóns de emerxencia: poden achegar tranquilidade e favorecer que as persoas manteñan os seus paseos e actividades fóra da casa.
  • Avisos e sensores conectados: permiten informar os familiares ou as persoas coidadoras cando se detecta unha situación que require atención.

Estas ferramentas non substitúen a supervisión profesional nin o acompañamento humano, pero poden converterse nun apoio importante para preservar a autonomía e mellorar a seguridade.

Que opinan as familias sobre a domótica?

En AFAGA Alzheimer somos conscientes das inquedanzas que xorden entre as familias e os profesionais cando se fala de incorporar tecnoloxía ao coidado das persoas con demencia.

Por este motivo, en outubro de 2025 elaboramos un informe interno sobre a percepción da domótica nos coidados, no que participaron 112 persoas coidadoras, tanto familiares como profesionais da nosa rede.

Os resultados amosan unha actitude favorable cara a estas ferramentas:

  • O 80,4 % considera que a domótica pode axudar no día a día.
  • O 75,9 % estaría disposto a instalar estes dispositivos se o seu custo fose asumible.
  • O 53,6 % xa utiliza diariamente algún tipo de tecnoloxía de apoio.
  • A maioría considera razoable un investimento de entre 100 e 500 euros.

Estes datos amosan que existe interese por incorporar solucións tecnolóxicas aos coidados. Porén, tamén poñen de manifesto algunhas barreiras: a falta de información, as dúbidas sobre a instalación e o manexo dos dispositivos, o custo económico e as preocupacións relacionadas coa privacidade.

Por iso, antes de recomendar unha ferramenta, é fundamental coñecer as necesidades da persoa, as características da súa vivenda e as posibilidades reais de quen vai utilizala.

A importancia dunha tecnoloxía centrada na persoa

Incorporar tecnoloxía aos coidados non consiste en instalar dispositivos de maneira indiscriminada. Cada solución debe responder a unha necesidade concreta e ter en conta as capacidades, preferencias e hábitos da persoa con demencia.

Desde a terapia ocupacional é fundamental analizar que actividades quere e pode seguir realizando a persoa, identificar as dificultades que atopa e adaptar a contorna para facilitar a súa participación.

A intervención debe realizarse de maneira progresiva, comezando por aquelas situacións que xeran maior preocupación ou desgaste no día a día. Tamén é necesario establecer quen recibirá as alertas, como se actuará ante unha incidencia e que alternativas existirán se falla a conexión ou o dispositivo.

Ademais, a tecnoloxía debe respectar sempre a intimidade e a dignidade da persoa. Antes de instalar cámaras ou sistemas de xeolocalización, convén valorar alternativas menos invasivas e contar coa súa opinión e consentimento sempre que sexa posible.

Tecnoloxía si, pero sen perder o acompañamento humano

A Internet das Cousas e a domótica abren novas oportunidades para avanzar cara a un modelo de coidados máis personalizado, preventivo e centrado na autonomía.

Porén, ningún sensor, aplicación ou dispositivo pode substituír o vínculo humano, a atención profesional nin o acompañamento das familias.

En AFAGA Alzheimer apostamos por unha atención centrada na persoa, na que a tecnoloxía sexa unha ferramenta ao servizo das súas necesidades e non un elemento que limite a súa liberdade.

O obxectivo non é controlar cada movemento, senón crear as condicións necesarias para que as persoas con demencia poidan seguir tomando decisións, mantendo as súas rutinas e gozando do seu fogar e da súa contorna coa maior autonomía posible.

Artigo elaborado a partir das reflexións e achegas de Jesús María Andrea Reyes, terapeuta ocupacional e xerontólogo clínico de AFAGA Alzheimer, publicado en GeriatricArea baixo o título «IoT y demencia: hacia una autonomía conectada».

Ler o artigo orixinal en GeriatricArea

Coordonnées
Afaga