Tras tres anos intensos de traballo, en estreita colaboración coa Xunta de Galicia e a Cátedra Afaga-Atendo da Universidade de Vigo, por fin, onte estreamos oficialmente a nova Estratexia Galega contra o Idadismo, nun acto celebrado no edificio Redeiras de Vigo, ao que asistiu o noso presidente Juan Carlos Rodríguez, acompañado do noso xerente Esteban Fernández e de Rosa Poveda e María Vidal, avogada e traballadora social de AFAGA.
Acudiron o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola Martínez, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de maiores e atención sociosanitaria, Antonio Acevedo, entre outras personalidades.
Para AFAGA é un orgullo que Galicia sexa a primeira rexión europea en contar cunha Estratexia contra o Idadismo, que inclúe medidas reais para cambiar a percepción negativa do envellecemento, asegurar a equidade nos servizos e promover as relacións entre distintas xeracións e un plan de acción para eliminar a discriminación por idade e fomentar unha sociedade máis inclusiva. Con vixencia para o período 2025-2031, o documento fundaméntase en tres grandes liñas de actuación: intervencións interxeracionais, actividades educativas, e política e lexislación.
O Goberno galego prevé destinar 520.000 € de fondos propios para poñer en marcha as primeiras actuacións mediante campañas de comunicación e encontros xeracionais; dar formación e sensibilización no sistema educativo, cun programa piloto dirixido aos mestres de Infantil, Primaria e Secundaria; e crear un Comisionado Autonómico contra o Idadismo, que revisará as políticas públicas e a lexislación para detectar defectos e propoñer solucións.
O acto de presentación foi dirixido por Luis Barros, CEO de ATENDO, e incluíu unha mesa redonda, moderada pola conselleira, na que participaron Iván Rarís, xerente da Agrupación industrial Saúde de Galicia (CSG) e o noso representante na comisión de seguimento, Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e Nieves Freire, coordinadora de ATENDO.
Vania de la Fuente-Núñez, experta internacional en envellecemento saudable e idadismo, e coautora principal do Informe Mundial da ONU sobre Idadismo, e Xaime Fandiño, membro da comisión xestora da Cátedra de Idadismo, realizaron ademais senllas conexións en remoto para achegar as súas experiencias e coñecemento.
Iván Rarís resaltou durante a súa intervención o gran impacto que esta estratexia terá na sociedade en xeral. “Representa un paradigma da nova lonxevidade e permite a Galicia ser un referente na loita contra o idadismo a nivel mundial”, engadiu.