Bruxelas, 14 de setembro de 2025. A Semana Europea das Rexións e das Cidades (EURegionsWeek) é o principal evento dedicado á Política de Cohesión da Unión Europea. Cada ano reúne en Bruxelas a milleiros de participantes para debater, compartir experiencias e coñecer boas prácticas sobre o desenvolvemento rexional.
Na edición deste ano, a xuventude terá un papel protagonista. A continuación recollémola unha selección de eventos para mozos e mozas aos que xa podes inscribirte. Lembra que o prazo de inscrición remata o 30 de setembro.
Youth4Cooperation
📅 Martes, 14 de outubro (9:30) – Mércores 15 de outubro (18:00)
Rede aberta de mozos e mozas interesados en debater e implicarse na cooperación transfronteiriza. Reúne á mocidade con representantes das institucións europeas para falar sobre cuestións de interese común nas rexións da UE, con especial atención á cooperación territorial.
Promove iniciativas como Interreg Volunteer Youth (IVY), os consellos xuvenís nos programas Interreg e nas estratexias macrorrexionais, ou a iniciativa dos “Embaixadores Transfronteirizos”.
European Youth Capitals: darlle a volta á fuga de cerebros
📅 Martes, 14 de outubro (9:30 – 11:00)
O título de Capital Europea da Xuventude impulsa a participación democrática e o empoderamento da mocidade nas comunidades locais. Nesta sesión abordarase como facer máis atractivas as cidades para a súa propia xuventude, fronte a retos como a fuga de cerebros e o declive demográfico.
Lviv (2025) presentará os seus plans para reter á mocidade e garantir condicións de vida e traballo favorables.
Tromsø (2026) compartirá a súa experiencia como cidade nórdica capaz de atraer e reter talento novo.
My Future City: laboratorio de novos políticos electos
📅 Martes, 14 de outubro (16:30 – 18:00)
Sesión interactiva de 90 minutos dirixida a mozos e mozas cargos electos (YEPs), que traballarán en equipos interrexionais para co-deseñar cidades inclusivas, verdes e impulsadas pola mocidade para o ano 2035.
A través de dinámicas de xogo e retos urbanos reais, crearán “planos de cidade” que dean resposta a dilemas clave desde a perspectiva xuvenil, da sustentabilidade e da inclusión.
Youth4Outermost Regions: empoderando á mocidade
📅 Mércores, 15 de outubro (14:00– 15:00)
Evento final dun proxecto cofinanciado pola DG REGIO no marco da Estratexia para as Rexións Ultraperiféricas 2022. Nesta sesión presentaranse 70 accións lideradas pola xuventude nestas rexións, caracterizadas por maiores taxas de desemprego e abandono escolar temperán.
A mocidade compartirá o impacto das súas iniciativas e formulará recomendacións para reforzar a participación xuvenil nas políticas da UE, contribuíndo tamén á próxima actualización da Estratexia da UE para as Rexións Ultraperiféricas.
Por que participar?
A Semana Europea das Rexións e das Cidades é unha oportunidade única para que a xuventude galega coñeza de primeira man como funciona a política rexional da UE, conecte con outras persoas novas de toda Europa e participe activamente na construción das cidades e rexións do futuro.
💡 Non deixes pasar a ocasión: inscríbete antes do 30 de setembro e vive Europa dende dentro.
Máis información: Semana Europea das Rexións e Cidades