Unha Unión das Competencias que prepare ás persoas para unha Europa competitiva - Fundación Galicia Europa

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

— Esta iniciativa forma parte das medidas adoptadas pola Comisión nos primeiros 100 días de mandato.

— A Unión das Competencias pretende preparar á poboación ante os desafíos que Europa debe afrontar.

Bruxelas, 10 de marzo de 2025. A Comisión Europea presentou o pasado 5 de marzo a Unión das Competencias, unha iniciativa clave dos primeiros 100 días desta Comisión, que:

  • ofrecerá ás persoas adultas oportunidades periódicas para a mellora das súas competencias e o reciclaxe profesional ao longo de toda a vida, por exemplo, a través dun proxecto piloto de garantía de competencias;
  • facilitará a contratación por parte das empresas de toda a UE, por exemplo, a través dunha iniciativa de portabilidade das competencias;
  • atraerá e reterá as competencias e talentos necesarios na economía europea, por exemplo, a través da acción «Choose Europe» para atraer aos mellores talentos a escala mundial;
  • contará cunha sólida base de gobernanza, que se apoiará no novo consello europeo de alto nivel en materia de competencias, que se guiará polo observatorio europeo da información estratéxica sobre as competencias.

Dende os nenos na escola ata os adultos que acadan a xubilación, esta iniciativa dotará ás persoas de toda Europa das competencias que necesitan para prosperar. Tamén fomentará a portabilidade das competencias por todo o continente a través da libre circulación do coñecemento e a innovación.

A Comunicación da Unión das Competencias tamén vai acompañada dun plan de acción sobre competencias básicas e un plan estratéxico para a formación nas ciencias, tecnoloxías, enxeñerías e matemáticas (CTIM) para mellorar as capacidades en CTIM, promover as carreiras nestas materias, atraer un maior número de nenas e mulleres e impulsar a preparación fronte á transición dixital e de tecnoloxías limpas.

Novos obxectivos para 2030

A Comisión propón unha serie de novos obxectivos para 2030:

  • a porcentaxe de persoas con carencias en lectura, escritura, matemáticas, ciencias e competencias dixitais debe ser inferior ao 15 %, mentres que a porcentaxe de persoas cos mellores resultados en lectura, escritura, matemáticas e ciencias debe ser de polo menos o 15 %;
  • a porcentaxe de estudantes matriculados en ámbitos CTIM na EFP inicial de nivel medio debe ser de polo menos o 45 %, e polo menos 1 de cada 4 estudantes deben ser mulleres;
  • a porcentaxe de estudantes matriculados nos ámbitos de CTIM na educación superior debe ser de polo menos o 32 %, e polo menos 2 de cada 5 estudantes deben ser mulleres;
  • a porcentaxe de estudantes matriculados en programas de doutoramento en TIC debe ser de polo menos o 5 %, e polo menos 1 de cada 3 estudantes deben ser mulleres.

Construir unha base sólida a través da educación e a formación

A educación e a formación desempeñan un papel esencial á hora de crear postos de traballo de calidade e garantir unha vida de calidade; por exemplo, a Comisión apoiará a lectura, a escritura, as matemáticas, as ciencias, as competencias dixitais e a cidadanía a través do proxecto piloto de apoio ás competencias básicas. Xunto cos Estados membros, a Comisión desenvolverá e apoiará financeiramente un marco de medidas de intervención eficaces (como a alerta temperá, o seguimento, o apoio personalizado ou as redes). Este programa para nenos e mozos que teñen dificultades para adquirir competencias básicas mellorará os seus niveis de rendemento.

A mellora das competencias e a reciclaxe profesional periódicos serán a nova norma

O desenvolvemento de competencias novas debe ser un elemento recorrente e esencial da vida profesional das persoas nunha economía en constante evolución.

A Comisión desenvolverá un proxecto piloto de garantía de competencias. Este proxecto ofrecerá aos traballadores que participan en procesos de reestruturación, ou en risco de desemprego, a oportunidade de seguir desenvolvendo a súa carreira profesional noutra empresa ou outro sector.

A UE racionalizará e reforzará as academias de capacidades da UE que proporcionan as competencias que necesitan as empresas para a transición ecolóxica e o Pacto por unha Industria Limpa.

Facilitar a libre circulación de persoas cualificadas

Liberarase todo o potencial do mercado único mediante a circulación das competencias. Para ofrecer máis oportunidades aos traballadores e ás empresas, unha iniciativa de portabilidade das competencias facilitará o recoñecemento e a aceptación de competencias e cualificacións en toda a UE, independentemente de onde se teñan adquirido. A iniciativa promoverá o uso de credenciais dixitais.

Facer da UE un polo de atracción para o talento

A Unión das Competencias reforzará a capacidade da UE para atraer, desenvolver e reter talentos clave, tanto dentro da UE como en todo o mundo.
Por exemplo, a Comisión porá en marcha unha convocatoria piloto de accións Marie Skłodowska-Curie «Choose Europe», cun orzamento de 22,5 millóns de euros para atraer aos mellores talentos a escala mundial, ofrecendo excelentes condicións de traballo e emprego no sector científico, así como perspectivas profesionais.

Ademais, unha vez adoptada polo Parlamento e o Consello, a Comisión creará unha reserva de talentos da UE para a contratación de persoal procedente de fóra da UE de todos os niveis de competencias, especialmente nas profesións con escaseza de man de obra. Este ano presentarase unha estratexia en materia de visados para seguir apoiando a chegada de estudantes de alto nivel, traballadores formados e investigadores.

Unha nova gobernanza forte

A realización da Unión das Competencias require unha responsabilidade colectiva e unha maior ambición, inversión e aplicación efectiva das reformas. Para iso, a Unión das Competencias basearase nunha gobernanza sólida, que se guiará polo observatorio europeo da información estratéxica sobre as competencias. O observatorio proporcionará datos e previsións sobre as competencias e permitirá a alerta temperá sobre a escaseza de competencias en sectores críticos ou estratéxicos.

Un novo consello europeo de alto nivel en materia de competencias reunirá a provedores de educación e formación, líderes empresariais e interlocutores sociais para proporcionar aos responsables políticos da UE información exhaustiva sobre as competencias. Apoiándose no observatorio, dito consello velará porque exista unha visión coordinada e por que se determinen as medidas audaces necesarias para reforzar o noso capital humano.
Dado que o capital humano, a educación e as competencias son unha cuestión fundamental para garantir a competitividade europea, a Comisión ten a intención de introducir unha nova recomendación da UE-27 sobre educación e competencias no ciclo do Semestre Europeo, para orientar aos Estados membros e aos axentes pertinentes.

Fonte: Comisión Europea

Máis información: 

Coordonnées
Ismael Pérez