Lorenzana pide a rápida aplicación do plan UE para a automoción

Compatibility
Save(0)
Share

A conselleira de Economía e Industria pide en Bruxelas unha rápida aplicación do novo plan europeo para a automoción

05/03/2025 | ,

— Esta é a terceira ocasión en que a titular de Economía e Industria aborda no seo da Unión Europa as principais problemáticas deste sector estratéxico en Galicia, para solicitar unha acción conxunta desde as institucións comunitarias na súa defensa

— A Fundación Galicia Europa acompañou á conselleira nas reunións con representantes da Comisión Europea que preparara previamente.

Bruxelas, 5 de marzo de 2025. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, rematou hoxe en Bruxelas unha viaxe de dous días nos que se reuniou con altos representantes da Comisión Europea. A Fundación Galicia Europa preparou e diseñou para a conselleira unha axenda completa de encontros con axentes estratéxicos para o sector industrial galego. A visita coincidiu coa presentación do plan de actuación que a Comisión Europea vén de anunciar para o sector da automoción.

Acompañada por Ana Ramos, directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, a conselleira mantivo un encontro con Timo Pesoden, director xeral de Industria da Defensa e Espazo da Comisión Europea (DG DEFIS), no que lle presentou a futura Estratexia galega de Seguridade, Defensa e Espazo.

Nunha reunión posterior, e tamén acompañada por Ana Ramos, Lorenzana reuniouse con Maive Rute, directora xeral adxunta de Mercado Interior, Industria, Empredemento e Pemes da Comisión Europa (DG GROW). A conselleira presentoulle a realidade industrial de Galicia no relativo ao sector da automoción, o naval, o textil, e as TICs; así como o apoio a proxectos estratéxicos.

A conselleira mantivo tamén un encontro con membros do gabinete de Stephane Séjourné, vicepresidente executivo de Prosperidade e Estratexia Industrial.

Por último, María Jesús Lorenzana tivo ocasión de participar na recepción anual da Asociación Europea de Fabricantes de Automóbiles (ACEA), que agrupa toda a patronal do sector, entre os que figura Stellantis. María Jesús Lorenzana abordou nese encontro anual no que se dan cita as principais marcas do sector o anuncio da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, da ampliación dun a tres anos o calendario de redución de emisións ao que están obrigados os fabricantes europeos para acadar os obxectivos fixados.

Novo plan de actuación para o sector da automoción

María Jesús Lorenzana advertiu da necesidade de que o novo plan europeo para a automoción se aplique coa máxima celeridade.

“Consideramos que é un plan que se necesitaba con carácter de emerxencia, non só de urxencia”, dixo a conselleira logo de que se dese a coñecer o seu contido. “Aínda que cremos que tardou, valorámolo positivamente”, enfatizou, para advertir, non obstante, de que non se pode perder tempo en desenvolvementos regulatorios.

“Non pode ser que o plan agora mesmo se comunique para comezar a facer desenvolvementos regulatorios e que logo a súa aplicación leve meses e anos, senón que temos que tentar que se execute de forma inmediata”, aseverou.

En relación ás medidas que contén, Lorenzana considerou “moi interesante” que se vaian establecer, polo menos, tres bancos de probas transfronteirizos para vehículos autónomos. “Queremos loitar por un banco de probas para Galicia e o Norte de Portugal”, dixo, aludindo ás capacidades do CTAG e de todo o sector galego da automoción.

María Jesús Lorenzana: “As medidas recollidas no novo plan deben aplicarse coa máxima celeridade e de forma inmediata”.

Tamén valorou positivamente que se entenda como prioritario a fabricación de baterías e de compoñentes en Europa porque os programas europeos e de apoio poden ser moi interesantes para atraer investimentos a territorios como Galicia, sinalou. De igual xeito, tamén mencionou o feito de que se vaia impulsar o hidróxeno e os combustibles alternativos pero, ao respecto, considerou fundamental dar apoio aos proxectos de produción e non só aos de recarga e repostaxe.

Por outra banda, cualificou de adecuada a medida de continuar incentivando a demanda do vehículo eléctrico en Europa, apoiando as persoas con menos recursos e os cambios nas flotas corporativas.

A conselleira concluíu reiterando a importancia da celeridade nestas medidas e de efectuar cambios nas normativas que regulan a implantación dos proxectos industriais en Europa para recortar os prazos.

Contexto

Esta é a terceira ocasión en que a titular de Economía e Industria aborda no seo da Unión Europa as principais problemáticas desta industria que é estratéxica en Galicia para solicitar unha acción conxunta desde as institucións comunitarias na súa defensa. Fíxoo o pasado mes de novembro en Monza, na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción (ARA) e, hai apenas unhas semanas, nun encontro co comisario de Mobilidade Sustentable e Turismo da Comisión Europea, Apostolos Tzitzikostas.

En ambos os dous casos, Lorenzana reclamou ao Executivo europeo que actúe sobre catro ámbitos que son clave para o sector; entre eles, o normativo, ao considerar indispensable que, tal e como agora se anunciou, se flexibilicen os regulamentos de emisións e se dean prazos máis amplos, así como que se revisen as sancións impostas ás empresas. Xunto con isto, lembrou que a Xunta de Galicia tamén vén reclamando cambios na normativa comunitaria para ampliar o acceso ás axudas a toda a cadea de valor e para pedir máis simplificación administrativa.

Máis información: Xunta de Galicia

Contact details
María Sabarís