— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse coa presidenta do CdR, Kata Tüttő, e o resto de delegacións nacionais
— Na posterior reunión política da delegación española, Jesús Gamallo expuxo os tres eixos de traballo da coordinación galega
Bruxelas, 2 de abril de 2025. Un mes despois de que o presidente da Xunta de Galicia asumise a presidencia da delegación española do Comité Europeo das Rexións (CdR), o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe nunha reunión entre os coordinadores nacionais e a nova presidenta deste órgano, a húngara Kata Tüttő.
Jesús Gamallo interveu no punto referido ao futuro marco financeiro plurianual posterior a 2027 para poñer en valor o papel das rexións na xestión dos fondos europeos. Pola súa parte, a presidenta Kata Tüttő referiuse á necesidade de que o traballo do CdR sexa máis coñecido nos Estados membros, instando aos coordinadores nacionais a darlle máis visibilidade ante as os gobernos estatais. Por outro lado, lembrou a posibilidade de que os membros organicen “diálogos locais” nos seus territorios co obxectivo de trasladar o debate europeo fóra de Bruxelas. Gabando o impacto que ten esta iniciativa nos diferentes territorios, Kata Tüttő chamou aos coordinadores nacionais a impulsar a organización de diálogos locais nos seus países.
Reunión da delegación española
Na reunión política cos membros da delegación española para preparar o pleno número 165, Gamallo explicou como, durante o tempo que Galicia ostente a coordinación, vai apoiar aos 21 membros españois para sacar o maior proveito das posibilidades que ofrece o CdR. En concreto, para impulsar a implicación na elaboración das políticas europeas dende unha fase temperá, para participar nas distintas plataformas que pon en marcha o CdR e para contribuír a reforzar o papel deste órgano consultivo no entramado comunitario.
O director xeral defendeu que, nestes tempos tan convulsos, o CdR debe seguir reivindicando o papel dos entes subestatais en todos os ámbitos, dende as transicións ecolóxica e dixital ata as grandes prioridades actuais: a defensa e a competitividade. Gamallo engadiu que a contribución das rexións e cidades ao debate comunitario é esencial, porque achegan realismo e contacto co territorio.