Este mes destacamos a intensa actividade institucional galega en Bruxelas, coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e doutros membros do Goberno galego para defender os intereses de Galicia ante as institucións europeas. O presidente trasladou á Comisión Europea as preocupacións do sector agrario galego ante os desafíos do acordo con Mercosur e da reforma da Política Agraria Común, e reivindicou de novo un futuro marco financeiro europeo que preserve o papel das rexións e manteña unha política de cohesión forte.
Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia e presidente da Fundación Galicia Europa, Diego Calvo, explicou as necesidades de conectividade en Galicia dentro do Corredor Atlántico, e inaugurou o ciclo Galicia Calidade, unha serie de diálogos en Bruxelas para reforzar a visibilidade da comunidade galega no ámbito europeo. Un obxectivo que tamén persegue o Festival EmigraSon, que celebrou a súa cuarta edición na capital comunitaria.
No ámbito comunitario, destacamos dúas iniciativas destinadas a reforzar a competitividade industrial europea: a proposta da Lei do Acelerador Industrial, orientada a impulsar a fabricación e o emprego na UE, e as novas estratexias industriais marítimas e portuarias, coas que Bruxelas busca fortalecer o sector marítimo europeo e avanzar na súa transición cara a modelos máis sostibles.
No apartado de eventos, animamos á participación no Día Marítimo Europeo, o encontro anual da comunidade marítima europea no que institucións, empresas e organizacións debaten sobre o futuro da economía azul e a gobernanza marítima.
Por último, en vista da recente guerra en Oriente Medio e o seu impacto no abastecemento enerxético, lembramos a “Análise FGE” sobre o Plan de Acción para unha Enerxía Asumible, que dende o ano pasado trata de reforzar a seguridade enerxética da Unión.
Boa lectura!