— O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu en Bruxelas ao Festival EmigraSon, organizado por galegos emigrados á capital belga
— Destaca EmigraSon como resultado dunha diáspora activa que fortalece a identidade galega no exterior
— Jose González pon en valor en Bruxelas a Estratexia Galicia Retorna como eixo da atracción de talento e do impulso ao emprendemento
Bruxelas, 2 de marzo de 2026. A Xunta reforza en Bruxelas o seu compromiso coa diáspora galega como ponte cultural e tamén como motor económico e de talento. Nunha xornada centrada na emigración, a música e o emprendemento, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo en valor tanto o papel da colectividade galega no exterior como as políticas activas para favorecer o retorno e atraer novo talento a Galicia.
Ademais de asistir á segunda xornada do Festival EmigraSon, o conselleiro reuniuse con Ana Ramos, directora da Fundación Galicia Europa, nun encontro no que destacou a Estratexia Galicia Retorna como eixo da política de atracción de talento, destinada a fomentar o regreso da cidadanía galega do exterior.
Festival EmigraSon
José González salientou en Bruxelas o labor e a implicación da organización do Festival EmigraSon na difusión da música galega actual e a lingua galega no corazón de Europa. Nesta liña, subliñou que se trata dunha iniciativa de referencia para a promoción da música galega contemporánea no exterior e que é resultado dunha diáspora activa que fortalece a identidade galega máis alá das fronteiras da comunidade. Así o destacou no marco dos concertos da segunda xornada deste festival, á que asistiu este sábado.
Sinalou ademais que esta cita, apoiada pola Xunta e que vai pola cuarta edición, serve como punto de encontro da diáspora galega en Europa. De feito, estímase unha asistencia total de máis de 2.000 persoas entre os concertos de hoxe —Sabela, Ortiga, Baiuca e The Rapants— e os de onte —9Louro, Fer, Paloma Paloma, foliada na que participaron ACG A Roda e Irmandade Galega na Suíza e a xornada finalizou con Duendeneta Dilleis—.
O conselleiro José González con Ana Ramos, directora da Fundación Galicia Europa, e os organizadores do EmigraSon: María Dios, Mateo González e Karan Novo.
Neste sentido, José González expuxo que o EmigraSon concorda con outras iniciativas impulsadas desde o Goberno galego. Entre elas, a xira de concertos que Luar na Lubre realizará no mes de marzo na Arxentina, no Uruguai e en Chile con motivo do seu 40º aniversario. Tamén os concertos de Baiuca e Luz Casal organizados o ano pasado pola Secretaría Xeral da Emigración en Bos Aires no marco da iniciativa pioneira Saborea Galicia Calidade.
No caso concreto do EmigraSon, subliñou a súa conexión coas novas xeracións e que con este festival Galicia está moi presente en Bélxica, país no que residen unhas 3.200 persoas galegas. De feito, engadiu, esta cita é un xeito de tender pontes coa colectividade galega, especialmente coas novas xeracións e abre novas oportunidades de colaboración económica, cultural e turística a través da música en galego, na que a lingua representa un elemento de cohesión e identidade da xente moza na diáspora.
Estratexia Galicia Retorna
No marco desta visita, o conselleiro mantivo un encontro coa directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, coa que tratou as medidas impulsadas polo Goberno galego no eido da atracción de talento, nomeadamente a través da Estratexia Galicia Retorna, destinada a fomentar o regreso dos galegos do exterior en liña coas necesidades do mercado laboral.
Tamén abordaron os avances autonómicos no eido do emprendemento despois de que Galicia fose recoñecida como Rexión Emprendedora Europea 2025. Así, trataron a futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia, actualmente en período de consultas con todo o sector, e orientada a fixar actividade económica no rural e a favorecer o equilibrio territorial e a remuda, tamén co foco no talento retornado emprendedor.
Ana Ramos, José González e Vanessa Lobo, coordinadora técnica de Políticas Europeas da FGE
Nesa mesma liña trataron o Manifesto de vontades para a creación dunha rede galega de fomento de emprendemento baseada na colaboración público-privada impulsado no I Congreso Ultreia Galicia, asinado pola Xunta e polas entidades representantes do ecosistema e que segue sumando novas adhesións. Todo no marco do compromiso inequívoco do Goberno galego co emprendemento, a través doutras ferramentas como a Rede de polos ou as diferentes axudas para impulsar e consolidar iniciativas empresariais ou o traballo por conta propia.
Fonte: Xunta de Galicia