A Xunta remite un informe que cuestiona a reforma de Costas - Fundación Galicia Europa

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

A Xunta leva a Comisión Europea un informe xurídico que cuestiona a reforma estatal de Costas

17/03/2026 |

— A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse con membros da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEMES da UE

— Ángeles Vázquez lamenta os anos de escurantismo sobre o expediente de infracción aberto a España polas concesións na costa e advirte de que os cambios impulsados agora de forma acelerada van máis aló do ditame emitido pola Comisión Europea

Bruxelas, 17 de marzo de 2026. A Xunta de Galicia trasladou hoxe á Comisión Europea (CE) a súa inquedanza ante a reforma do Regulamento Xeral de Costas que está a impulsar o Goberno central xa que unha vez analizado xuridicamente o anteproxecto en tramitación conclúe que é contrario a dereito xa que incumpre a lexislación española, ademais de ignorar a opinión das comunidades autónomas competentes na materia.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, aproveitou a súa viaxe institucional a Bruxelas para reunirse hoxe con varios membros da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria, Emprendemento e PEMES (DG GROW) da CE, aos que lles entregou un informe sobre a análise xurídica realizada pola Xunta do anteproxecto de Real Decreto de modificación do Regulamento de Costas que o pasado 9 de marzo saíu a información pública.

Tras recordar que o Executivo central xustifica a reforma no expediente de infracción aberto en 2023 pola UE contra España por incumprir a directiva de servizos en relación ás concesións no litoral, a conselleira pediu o amparo da CE xa que a pesar das reiteradas solicitudes de información por parte da Xunta e de anos de “escurantismo” sobre un asunto no que Galicia é parte interesada, é agora cando o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acelera ao máximo os prazos de tramitación escudándose en Bruxelas para que o novo regulamento entre en vigor este verán.

Neste sentido, a conselleira criticou os tempos do Goberno central pero tamén a fórmula elixida, xa que optou por introducir cambios na lexislación vixente que van máis aló do ditame emitido en 2024 pola Comisión Europea en lugar de modificar a lei estatal de costas ou facer unha nova, tal e como exixen as comunidades e a propia CE.

A responsable autonómica incidiu en que tras coñecer e analizar o contido do anteproxecto co que o Executivo central pretende modificar o Regulamento de Costas confírmase que a decisión non responde a unha exixencia de Bruxelas pois, entre outras cuestións, pretende por iniciativa propia estender a aplicación da directiva de servizos europea ao sector produtivo, incluído o complexo mar-industria. Isto suporía na práctica, explicou, equiparar a situación dunha batea ou dunha conserveira coa dun chiringuito de praia cando son instalacións totalmente distintas e coas súas propias singularidades.

Caos social e económico na costa

Nos termos actualmente propostos polo Ministerio, Ángeles Vázquez advertiu que a entrada en vigor do novo regulamento suporía un “caos desde o punto de vista social e económico” en España e, en especial, en Galicia, a comunidade con máis quilómetros de costa e na que se estima que se verían afectados uns 25.000 empregos que dependen de actividades que se desenvolven no dominio público marítimo-terrestre (DPMT).

Ademais, os cambios xerarían inseguridade xurídica inmediata para todas aquelas actividades económicas asentadas e con investimentos importantes nesta faixa do litoral, cun volume de facturación estimado en 3.714 M€.

En concreto, a conselleira explicou que esta modificación permitiría a anulación de prórrogas sobre concesións xa outorgadas, a denegación de prórrogas solicitadas e a aplicación, con carácter xeral, dun réxime máis restritivo ás novas concesións, ao tempo que pretende eliminar a figura das prórrogas extraordinarias. De igual xeito, a administración podería cambiar de oficio os títulos de concesión para limitar a súa duración e abre a porta a revocarlle a autorización se o titular non acepta o novo prazo.

A modo de exemplo, explicou que ten constancia dunha empresa no Grove, con 400 traballadores, que pediu unha nova concesión en 2021 que leva anos paralizada polo Estado, de forma que se a reforma sae adiante, non tería garantida a continuidade.

En todo caso, denunciou que nestes momentos é difícil aínda calcular o alcance concreto que terían os cambios propostos porque o Estado nunca contou cun rexistro oficial das concesións na costa e case nove meses despois de facerse efectivo o traspaso a Galicia das funcións e servizos para a xestión do litoral, aínda non enviou todos os expedientes nin corrixiu as deficiencias detectadas nos que xa se recibiron.

Esta actitude por parte do Ministerio, incidiu a conselleira, é unha mostra máis da súa “deslealdade” coas comunidades con competencias neste eido xa que, lembrou, será a Xunta a encargada de tramitar as novas concesións e as prórrogas no DPMT ao amparo da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, unha norma avalada no seu día polo Tribunal Constitucional e que aposta pola visión integral da costa desde unha tripla perspectiva (social, ambiental e económica), en liña co que defende Europa.

Para afondar nas presas do Executivo central por sacar adiante esta modificación lexislativa pola porta de atrás e sen participación, a conselleira lembrou que non convocou a Conferencia sectorial de Medio Ambiente para abordar este asunto coas comunidades afectadas, unha reunión que, de feito, Galicia segue reclamando.

Así mesmo, criticou que a diferenza da modificación do Regulamento de Costas proposta en 2022 (tamén de forma unilateral e que finalmente non prosperou), o actual anteproxecto carece de memoria xustificativa e de trámite específico de consulta polo que non se estuda nin cuantifica o seu impacto.

Ante esta falta de transparencia, Ángeles Vázquez trasladoulle ás autoridades comunitarias a oposición rotunda da Xunta ante a modificación tal e como está actualmente proposta. De feito, xa reclamou que se suspenda o prazo de alegacións ao anteproxecto ante a existencia de numerosos defectos de forma e a ausencia de información preceptiva e imprescindible para exercer adecuadamente e de forma ben fundamentada o seu dereito a participar na tramitación da reforma do regulamento.

Fonte: Xunta de Galicia

Coordonnées
María Sabarís