.— A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea
— Pon en valor a aprobación da Lei do clima, que ademais de dotar de seguridade xurídica á loita contra o cambio climático, contribuirá a que Galicia sexa neutra en emisións en 2040, dez anos antes do obxectivo proposto pola Unión Europea
Bruxelas, 16 de marzo de 2026. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe en Bruxelas as iniciativas desenvolvidas pola Xunta para converter Galicia nunha comunidade líder en acción climática.
Así, durante a reunión que mantivo coa directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea, Beatriz Yordi, Ángeles Vázquez puxo en valor a aprobación da primeira Lei do clima da comunidade, que ademais de dotar de seguridade xurídica á loita contra o quecemento global, contribuirá a que Galicia sexa neutra en emisións en 2040, dez anos antes do obxectivo proposto pola Unión Europea.
Nesa liña, a conselleira tamén fixo fincapé nos avances que está facendo a Xunta para a posta en marcha do mercado galego de créditos de carbono, que é un sistema concibido para compensar emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2.
En concreto, logo da aprobación polo Consello do decreto que regula o sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta, xa se constituíu o comité técnico de expertos que se encargará de mellorar o desenvolvemento do sistema, así como de elevar propostas de aprobación ou revisión das metodoloxías desta ferramenta. Ademais, na actualidade está en fase de licitación o proxecto Sicle CO2, que desenvolve unha metodoloxía que marcará os criterios formais e obxectivos para recoñecer e valorar os proxectos de absorción de carbono e crea a plataforma dixital que permitirá poñer en marcha o sistema.
A maiores, Ángeles Vázquez tamén indicou que Galicia aprobou o II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima, que é a folla de ruta das políticas galegas no eido da mitigación, adaptación, investigación e sensibilización fronte ao quecemento global. Ao seu abeiro, desenvolveranse un cento de medidas e mobilizaranse en torno a 1.700 millóns de euros en investimentos ata 2030 co obxectivo de reducir as emisións nun 75% e lograr que o 85% da xeración eléctrica na Comunidade proceda de fontes renovables.
ángeles Vázquez e aBeatriz Yordi, directora de Mercados de Carbono e Mobilidade Sostible da Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea.
Alianza galega polo clima
Durante a reunión, tamén avaliaron outras iniciativas pioneiras postas en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, como a Alianza galega polo clima, que conta xa con máis de 250 membros e que busca conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática.
Pretende, entre outras cuestións, o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático; o fomento de intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica e xurídica neste eido; a promoción da investigación vencellada co clima e a difusión de tecnoloxías para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
Nese senso, a representante comunitaria amosou especial interese por algunha das accións desenvolvidas ao abeiro desta iniciativa como o programa Mentoring polo clima, no que empresas con ampla experiencia axudan a outras a intensificar a acción climática na súa operativa diaria.
A primeira edición deste programa demostrou a súa eficacia con 48 iniciativas propostas polas entidades mentoras ás mentorizadas. Ademais, máis dun cento de entidades mostraron o seu interese en formar parte da segunda edición, ben como mentoras -para aportar a súa experiencia e coñecementos neste eido- ou ben como mentorizadas. De feito, este ano esta acción contará co dobre de participantes que en 2025 -16 participantes en vez de 8-.
No encontro, a conselleira tamén trasladou a súa preocupación pola inacción do Goberno central co Plan social polo clima xa que dificulta o avance de Galicia cara á descarbonización ao impedir que os máis de 60 proxectos presentados pola Comunidade poidan recibir financiamento a cargo do Fondo social para o clima da Unión Europea.
Fonte: Xunta de Galicia