O Concello denega a licenza a Urbaser para crear unha base operativa na súa parcela de Pardavila - Concello de Marín

Compatibilité
Sauvegarder(0)
partager

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a denegación á empresa de lixo á vista dos informes técnicos e xurídicos desfavorables, que tumban por terra a actividade que pretendía impulsar Urbaser

Marín, 07 maio 2026

Urbaser non poderá instalar na súa parcela de Pardavila a proposta de base operativa que incluiron na súa oferta para a xestión da recollida de residuos urbanos. A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves ao mediodía aprobou a denegación da licenza de obras de urbanización da parcela solicitada pola empresa.

Na solicitude, Urbaser pedía implantar nunhas parcelas da súa propiedade, de aproximadamente 1 hectárea de extensión, pérgolas para almacenamento de vehículos propios, ademais da instalacións de casetas prefabricadas para vestiarios, oficinas e unha aula de información, así como o propio punto limpo.

Unha vez a empresa presentou a licenza, activáronse os trámites administrativos precisos desde o Concello, solicitando o informe técnico e o xurídico necesarios para avaliar se se estima ou non a licenza. Ambos son desfavorables.

Unha das claves nas que se basan os técnicos é que polo tipo de chan clasificado no PXOM, só están permitidos os usos e obras de carácter provisional, realizando as mínimas obras imprescindibles para colocar instalacións fácilmente desmontables. E dentro dos usos de carácter provisional, nunca se inclúen os industriais, como é o caso do que propón Urbaser, xa que o informe considera que “a actividade real é a de xestión de residuos, que implica procesos de tratamento, transformación e manipulación de materiais mediante instalacións específicas, polo que presenta unha natureza claramente industrial, sen prexuízo da vinculación ao seu servizo público”.

Ademais, as instalacións propostas por Urbaser na súa solicitude, que inclúe un punto limpo, unha área de reparación de vehículos, un lavadoiro, unhas oficinas, vestiarios, almacén, aula de formación e aparcadoiro, “son incompatibles co seu carácter provisional, evidenciando unha implantación estable e permanente no territorio”, algo que iría en contra da excepcionalidade que se recolle nas normativas urbanísticas para este tipo de chans.

A alcaldesa, María Ramallo, asegura que estes informes desfavorables “confirman algo que nós considerábamos así, pero sempre deben ser os técnicos os que marquen o criterio a seguir en casos coma este”.

Coordonnées
Concello de Marín