— As dúas bolsas van dirixidas a graduados en Dereito e poden solicitarse ata o 3 de xullo
— As bolsas Galicia Europa ofrecen a oportunidade de entrar en contacto cos asuntos europeos e as institucións comunitarias a través da realización de prácticas na oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2026. A Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa (FGE) abren unha nova convocatoria das bolsas Galicia Europa en Bruxelas. Esta nova convocatoria de dúas bolsas de formación está destinada a persoas con título universitario oficial de grao ou equivalente en Dereito.
O obxectivo deste programa formativo é facilitar a especialización en políticas e dereito da Unión Europea mediante a realización de prácticas en asuntos comunitarios na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas.
O programa formativo terá unha duración de 11 meses e prevese a incorporación das persoas bolseiras en setembro deste ano.
Tras a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes esténdese desde o xoves 4 de xuño ata o 3 de xullo ás 23:59 horas. A través deste programa de formación anual dirixido a titulados universitarios, a FGE potencia o coñecemento sobre a Unión Europea desde unha perspectiva galega.
As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia baixo o código de procedemento PR770Q.
As persoas solicitantes deberán ter a nacionalidade española ou dun Estado membro da UE, acreditar a súa vinculación con Galicia e estar en posesión dun título universitario en Dereito obtido en 2021 ou con posterioridade.
O proceso de selección comezará cunha fase de valoración de méritos na que se terán en conta o expediente académico, as titulacións, os cursos e o coñecemento do inglés, entre outros aspectos. As primeiras persoas clasificadas pasarán a unha segunda fase, consistente nunha entrevista persoal.
O importe total das dúas bolsas ascende a máis de 35.600 euros e cobre as retribucións, a seguridade social, os gastos de desprazamento e un seguro de cobertura sanitaria.
Compromiso da FGE coa formación
Un dos ámbitos de acción da Fundación Galicia Europa céntrase en impulsar o coñecemento das políticas e accións da Unión Europea. A este obxectivo contribúe precisamente o programa anual de bolsas para a realización de prácticas nas súas oficinas que permite ás persoas beneficiarias familiarizarse cos asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega e, en última instancia, facilitar o seu acceso ao mercado laboral.
No ano 2025 convocouse unha bolsa para realización de prácticas en comunicación das políticas comunitarias, cun orzamento de case 17.800 euros.
O obxectivo destas bolsas é facilitarlle á mocidade a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, alén de darlles a oportunidade de traballar nunha contorna europea e multicultural. Este programa permite, tamén, contar cunha rede de profesionais en asuntos europeos en multitude de institucións europeas e galegas.
Desde o seu lanzamento hai máis de tres décadas, máis de 500 bolseiros puideron coñecer de preto as institucións e políticas europeas, así como o impacto destas na nosa rexión.
Máis información: Bolsas Galicia Europa – Dereito
Descarga as bases da convocatoria publicadas no DOG.
Solicita a bolsa aquí.