Galicia reivindica a acción rexional e local na política de cooperación ao desenvolvemento da UE
08/12/2025 | Comité Europeo das Rexións
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na inauguración da novena edición do foro internacional sobre a materia
— O evento reúne en Bruxelas a representantes de municipios e rexións da UE e do Sur Global durante tres días
Bruxelas, 8 de decembro de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na inauguración da novena edición do foro internacional Cidades e rexións pola cooperación internacional, que se celebra en Bruxelas entre o 8 e o 10 de decembro.
Como moderador dun dos debates, Jesús Gamallo subliñou a importancia da contribución das autoridades locais e rexionais á estratexia Global Gateway, que promove unha cooperación descentralizada na da Unión Europea. Como representante do Comité Europeo das Rexións (CdR) e da Xunta de Galicia, o director xeral apuntou que o éxito desta estratexia “depende de que as inversións se adapten ás realidades locais”. Isto, engadiu, “só é posible coa participación das autoridades locais e rexionais, que coñecen as necesidades reais do territorio e poden garantir a sustentabilidade a longo prazo dos proxectos”.
Neste sentido, a Global Gateway prevé mobilizar 300.000 millóns de euros entre 2021 e 2027 para contribuír a cubrir o déficit de financiamento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) a través de investimentos en infraestruturas sostibles e de calidade con capacidade transformadora en diversos sectores. Para facilitar esta transformación, Gamallo destacou a necesidade de liberar o potencial das autoridades locais e rexionais mediante un enfoque de 360 graos, que vaia máis alá da asistencia técnica tradicional. Este enfoque, indicou, debe permitir que as administracións participen de maneira eficaz nos procesos de investimento, conectando capacidades, sistemas e financiamento nun marco integrado que inclúa tamén o fortalecemento institucional.
Jesús Gamallo puxo en valor o traballo desenvolvido por Galicia a través de dous exemplos de como as autoridades locais e rexionais poden participar nos distintos niveis dos proxectos de investimento de Global Gateway, ilustrando ese enfoque de 360 graos.
- O primeiro exemplo é o proxecto de Augas de Galicia en Mozambique, orientado á mellora da xestión da auga para mitigar os efectos dos períodos de seca e reforzar a adaptación fronte ao cambio climático, prestando apoio técnico baseado na experiencia galega.
- O segundo exemplo está liderado pola Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (Fundación CETMAR) en Perú, co obxectivo de apoiar as iniciativas pesqueiras e acuícolas locais e de reforzar os mecanismos de gobernanza para mellorar a resiliencia climática das comunidades da Baía de Sechura.
Contexto
Coorganizado pola Dirección Xeral de Asociacións Internacionais (DG INTPA) da Comisión Europea e polo Comité Europeo das Rexións dende hai 14 anos, o foro Cidades e rexións pola cooperación internacional ten como obxectivo xerar un espazo de diálogo no eido da cooperación ao desenvolvemento levada a cabo dun xeito descentralizado. Nos encontros, de carácter bianual, as autoridades locais e rexionais dos estados europeos e dos seus socios buscan solucións conxuntas desde a perspectiva subnacional. O obxectivo do foro é demostrar como os proxectos da estratexia Global Gateway actúan como catalizadores da inversión no desenvolvemento local e implican activamente ás autoridades locais e rexionais.
Fonte: Xunta de Galicia