— A Xunta defende en Bruxelas unha gobernanza conectada coa realidade territorial para maximizar o impacto do novo instrumento europeo
— Tralo Día Europeo do Turismo celebrado onte, Jesús Gamallo participou nunha reunión con varios membros do Parlamento Europeo para abordar a futura Estratexia Europea do Turismo Sostible
Bruxelas, 27 de xaneiro de 2026. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na Comisión de Política Económica (ECON) do Comité Europeo das Rexións, onde se aprobou o borrador do ditame sobre o futuro Fondo Europeo de Competitividade 2028-2034, que integrará 14 programas de financiamento actuais nun único marco co obxectivo de mellorar a capacidade europea en tecnoloxías e sectores estratéxicos para a competitividade da UE. Gamallo salientou que o éxito do Fondo dependerá da súa execución no territorio, apoiándose nas autoridades rexionais con competencias en industria, innovación e competitividade.
Así mesmo, defendeu que o futuro Fondo deberá prestar unha atención especial ao sector primario —agricultura, pesca, acuicultura e silvicultura—, que constitúe un piar económico para moitas rexións europeas e que tamén precisa tecnoloxía, investigación e innovación para reforzar a súa competitividade nos mercados internacionais. O director xeral subliñou que estes sectores contribúen tanto á economía rexional como á seguridade alimentaria da Unión e que, polo tanto, non poden quedar á marxe do novo instrumento.
Día Europeo do Turismo
Tralas medidas anunciadas onte polo comisario de Turismo sobre a futura estratexia europea que se publicará en primavera, a Asociación Europea de Rexións por un Turismo Sostible e Competitivo, NECSTouR, organizou unha reunión entre os eurodiputados competentes en materia de turismo e os membros do CdR que representan ás rexións membro da rede. Neste debate, NECSTouR avoga por situar a dixitalización e os datos como parte central da futura estratexia e por fomentar unha maior conexión entre os turistas e a poboación local mediante unha maior implicación desta na planificación turística.
Dado que Galicia forma parte da xunta directiva de NECSTouR, Jesús Gamallo participou na reunión para explicar a actual Estratexia de Turismo de Galicia e poñer como exemplo de turismo sostible o Camiño de Santiago, que o vindeiro ano celebrará un novo Ano Xacobeo. Gamallo salientou que a estratexia galega ten como obxectivo para 2030 converter a rexión nun destino con forte identidade propia; máis sostible social, ambiental e economicamente; menos estacional; máis internacionalizado e que axude á loita contra o despoboamento.
Reforma das regras de contratación pública
Durante a reunión tamén se aprobou un ditame sobre as directivas vixentes en materia de contratación pública, en resposta á comunicación do pasado mes de outubro, na que se avalía a aplicación do marco normativo en vigor desde 2014. A contratación pública representa o 14 % do PIB da UE. As rexións e os municipios xestionan preto do 45 % desa contratación, polo que o CdR solicita incorporar a dimensión territorial na revisión actual das normas.
A Xunta contribuíu cun amplo documento de propostas á redacción deste ditame, incidindo na incorporación de aspectos sociais, ambientais e innovadores fronte ao criterio do prezo máis baixo, así como no impulso da participación das pemes e das empresas de economía social mediante a división en lotes ou a reserva obrigatoria de contratos para entidades sociais.
Contexto
No actual mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións (CDR), Galicia participa na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na Comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación coa política económica, industrial e comercial comunitaria.
MÁIS INFORMACIÓN
- Nota de prensa do Comité Europeo das Rexións