San Xoán de Río, premiado polo seu apoio ás persoas maiores - Fundación Galicia Europa

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

San Xoán de Río, premiado nos Premios Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade 2026

21/04/2026 |

— O municipio ourensán recibe o bronce na categoría de vilas de menos de 50.000 habitantes polo seu compromiso coa inclusión e o apoio ás persoas maiores no rural

Bruxelas, 21 de abril de 2026. Ás portas do inicio do Mes Europeo da Diversidade, a Comisión Europea anunciou onte os gañadores da quinta edición dos Premios Capitais Europeas da Inclusión e a Diversidade. Como actuación clave da Unión da Igualdade, este galardón recoñece a vilas, cidades e rexións de toda a UE que destacan pola súa aposta por políticas inclusivas e pola promoción da diversidade.

Entre os premiados deste ano figuran cidades e municipios de Bélxica, España, Hungría, Italia e os Países Baixos. Foron recoñecidos pola súa contribución á creación de sociedades máis xustas mediante a promoción da diversidade e da inclusión en ámbitos como o xénero, a orixe racial e étnica, a relixión e crenzas, a discapacidade, a idade e as identidades LGBTIQ+.

San Xoán de Río foi galardoado coa medalla de bronce pola súa aposta pola accesibilidade, o apoio ás persoas maiores e a abordaxe dos desafíos da vida no rural.

Consultas a lista completa de premios 2026

Entidades locais con máis de 50.000 habitantes

  • Ouro para Józsefváros, 8º distrito de Budapest (Hungría), polo seu compromiso coa inclusión a través de políticas de emprego municipal, igualdade LGBTIQ+, integración das comunidades xitanas e loita contra a violencia de xénero.
  • Prata para a cidade de Leuven (Bélxica), pola súa loita contra a exclusión mediante proxectos como “Leuven sen racismo” e un plan integral contra a discriminación.
  • Bronce para Leiden (Países Baixos), polas súas políticas no marco da estratexia “Leiden inclusiva”.

Entidades locais con menos de 50.000 habitantes

  • Ouro para Errenteria (España), polo seu compromiso coa diversidade cultural e co apoio a colectivos vulnerables.
  • Prata para Orio (España), pola súa estratexia inclusiva centrada en mulleres, migrantes e persoas vulnerables.
  • Bronce para San Xoán de Río (España), polas súas iniciativas para combater a discriminación contra persoas maiores, mulleres e membros da comunidade LGBTIQ+.

Premio a mercados laborais inclusivos

  • Ouro para Errenteria, polo seu compromiso cun acceso ao emprego como base da inclusión social.
  • Prata para Orio, polas súas políticas de inclusión laboral, especialmente para mulleres migrantes.
  • Bronce para a cidade metropolitana de Milán (Italia), polo impulso dun mercado laboral máis xusto e inclusivo.

O premio do público foi para Marsicovetere (Italia).

Contexto

Creado no marco do Plan de Acción Antirracismo da UE 2020-2025 e da Estratexia para a Igualdade das Persoas LGBTIQ+, este premio recoñece cada ano o labor das administracións locais na promoción da inclusión e na loita contra a discriminación.

A Comisión Europea reforzou o seu compromiso coa diversidade nas novas estratexias para o período 2026-2030, nas que seguirá apoiando e dando visibilidade ás autoridades locais que promoven sociedades máis xustas.

A entrega dos premios marcou tamén o inicio do Mes Europeo da Diversidade 2026, centrado nesta edición na promoción de mercados laborais inclusivos e na igualdade de trato para toda a cidadanía.

Fonte: Comisión Europea

Detalles de contacto
María Sabarís