Celebración do Día de Europa en Galicia - Fundación Galicia Europa

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

Europe Direct Galicia celebra o Día de Europa conmemorando os 40 anos da entrada de Galicia na UE

11/05/2026 |

— O acto, organizado xunto coa Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa, reuniu representantes institucionais, expertos e actores sociais para analizar a transformación de Galicia desde 1986

— A xornada incluíu dúas mesas de debate sobre a evolución de Galicia na UE e o impacto dos fondos europeos no territorio

— O presidente da Xunta destacou o avance económico e social de Galicia nas últimas catro décadas grazas á integración europea

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2026. Europe Direct Galicia celebrou este sábado o seu primeiro Día de Europa cun acto institucional centrado na conmemoración dos 40 anos da entrada de Galicia na Unión Europea, organizado en colaboración coa Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa.

Baixo o lema “40 anos medrando con Europa”, o encontro reuniu representantes institucionais, expertos e actores sociais para analizar a transformación experimentada pola rexión desde a súa adhesión á Comunidade Europea en 1986, facendo balance de catro décadas de integración e poñendo en valor o papel da UE na modernización económica, social e territorial de Galicia.

A xornada, levada a cabo en Santiago de Compostela, contou coa actuación musical de Xabier Díaz, así como co saúdo enviado por Raffaele Fitto, vicepresidente executivo de Cohesión e Reformas da Unión Europea, que puxo en valor o papel da política de cohesión no desenvolvemento rexional.

Como parte central do acto, o programa incluíu dúas mesas de análise. A primeira delas, titulada “A visión da transformación de Galicia desde as institucións europeas”, estivo moderada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo Aller. Nela participaron Francisco Millán Mon, eurodeputado galego; José Manuel Silva Rodríguez, antigo director xeral da Comisión Europea; Ana Fernández Perles, xefa de unidade na Secretaría da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo; e Paula Rey García, xefa de unidade de Renovables da Comisión Europea.

A segunda mesa, centrada en “O impacto dos fondos europeos no territorio”, foi moderada polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos López-Prado. Neste debate participaron Nava Castro Domínguez, alcaldesa do concello de Ponteareas; Xosé Cuns Traba, director de EAPN; Mabel Loza García, directora científica do CIMUS; e Jesús Fernández Pérez, propietario da Gandería Pazos.

Ao longo da xornada abordáronse cuestións clave da evolución de Galicia no marco europeo, como o impacto das políticas de cohesión, o papel dos programas europeos de educación e mobilidade, os desafíos da transición enerxética ou as oportunidades da innovación e a industria verde para o territorio galego. Inaugurouse, ademais, unha exposición sobre o impacto dos fondos en Galicia. Esta mostra, composta por diferentes paneis divulgativos, explica as transformacións experimentadas grazas aos investimentos realizados con fondos europeos, especialmente con fondos de cohesión.

O peche institucional correu a cargo do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen destacou algúns dos principais indicadores da evolución de Galicia nas últimas catro décadas. Entre eles, sinalou que desde 1986 Galicia incrementou en 20 puntos o seu PIB per cápita, elevou a esperanza de vida dos 76 aos 84 anos e multiplicou o peso dos intercambios comerciais co exterior, que pasaron de representar o 20 % ao 72 % do PIB galego.

Como broche final da celebración realizouse o tradicional izado da bandeira europea, levado a cabo pola directora da oficina en Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos.

Sobre Europe Direct Galicia

Europe Direct Galicia é un dos centros oficiais de información da Unión Europea en Galicia, xestionado pola Fundación Galicia Europa co apoio da Comisión Europea para o período 2026-2030. Forma parte da rede Europe Direct en España, integrada á súa vez nunha rede europea de centros presentes en toda a Unión que actúan como principal punto de contacto entre a UE e a cidadanía.

Europe Direct Galicia é o primeiro centro Europe Direct de ámbito autonómico na rexión galega e ten como obxectivo achegar a información europea á sociedade de maneira clara, accesible e adaptada ao contexto local. A través deste centro, a cidadanía pode acceder a información sobre as políticas, programas e prioridades da UE e participar no diálogo sobre o impacto e as oportunidades que ofrece a Unión Europea a nivel local.

Detalles de contacto
David Dopazo