Galicia asume a representación semestral no Consello de Ministros de Pesca da UE - Fundación Galicia Europa

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

Galicia asume en Bruxelas a representación semestral das comunidades autónomas no Consello de Ministros de Pesca da UE

25/06/2026 |

— A conselleira do Mar, Marta Villaverde, salienta a responsabilidade de liderar unha postura común forte e coordinada que defenda os intereses do sector

Bruxelas, 25 de xuño de 2026. Galicia formalizou hoxe en Bruxelas o traspaso de funcións para asumir a representación do conxunto das Comunidades Autónomas en materia de pesca nos Consellos de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish). Esta designación, de carácter semestral, efectúase consonte ao sistema de rotación regulado ao abeiro dos acordos da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE).

O encontro, no que tamén participou Andalucía, como comunidade saínte nesas mesmas funcións, celebrouse na sede da Representación Permanente de España ante a UE (Reper) e tivo un carácter informativo e de coordinación loxística,. Alí, a delegación galega mantivo unha sesión de traballo dirixida a avaliar o peche das accións desenvolvidas baixo a presidencia semestral saínte de Chipre, así como a analizar as liñas estratéxicas e o novo programa que guiará a vindeira presidencia de Irlanda.

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou que o Goberno galego asume este liderado “coa máxima responsabilidade, lealdade institucional e co firme compromiso de traballar cunha soa voz” a carón do ministro do ramo, Luís Planas, en defensa dos intereses do sector.

O obxectivo central desta folla de ruta institucional liderada pola Consellería do Mar é forxar unha posición común forte e consensuada entre todas as autonomías, garantindo que as realidades socioeconómicas do sector pesqueiro e marisqueiro sexan defendidas con argumentos científicos sólidos nas negociacións en Bruxelas.

Fonte: Xunta de Galicia

Detalles de contacto
María Sabarís