Lei Europea de Innovación: máis apoio para levar as ideas ao mercado
09/09/2026 | Comisión Europea
— A iniciativa facilitará o acceso ao financiamento, a comercialización da propiedade intelectual e a contratación de novas tecnoloxías
— A Comisión estima que as medidas permitirán mobilizar 10.200 millóns de euros anuais en financiamento adicional para as empresas innovadoras
Bruxelas, 9 de setembro de 2026. A Comisión quere que as ideas máis innovadoras de Europa se desenvolvan, obteñan financiamento e medren en Europa. Para contribuír a este obxectivo, vén de presentar a proposta dunha nova Lei Europea de Innovación. Como iniciativa clave da Estratexia da UE para as empresas emerxentes e en expansión e do Compás para a Competitividade da UE, a proposta reforzará a competitividade, a prosperidade e a soberanía tecnolóxica da Unión a longo prazo.
Europa dispón de investigación, talento e creatividade de primeiro nivel mundial. Porén, as persoas e empresas innovadoras deben afrontar normas diferentes nos distintos países da UE e adoitan atopar dificultades para atraer financiamento. Como consecuencia, ideas desenvolvidas en Europa acaban converténdose en éxitos económicos noutros lugares e por parte doutros actores.
A Lei Europea de Innovación busca cambiar esta situación, facilitando que as empresas innovadoras europeas medren máis alá das súas fronteiras e compitan a escala mundial.
Reforzar o ecosistema de innovación da UE
A proposta céntrase en afrontar dous dos principais desafíos que frean a innovación en Europa.
En primeiro lugar, axudará as empresas innovadoras a acceder ao financiamento. Moitas empresas emerxentes e en expansión dispoñen de ideas innovadoras, patentes e outros activos de propiedade intelectual, pero estes adoitan ser difíciles de valorar, o que complica a captación de investimentos.
A Lei Europea de Innovación promoverá un marco común da UE para valorar a propiedade intelectual. Tamén creará un mercado dixital que conectará compradores e vendedores destes activos e ofrecerá apoio especializado para axudar as empresas a levar as súas ideas ao mercado.
Espérase que estas medidas xeren arredor de 35 millóns de euros de aforro en custos administrativos e mobilicen 10.200 millóns de euros anuais de financiamento adicional mediante capital risco e débeda garantida por activos de propiedade intelectual.
En segundo lugar, a proposta establecerá un procedemento común para a contratación pública de investigación e desenvolvemento (I+D). Este procedemento ofrecerá unha maior seguridade xurídica e axudará a que as novas tecnoloxías cheguen máis rapidamente ao mercado, incluídas aquelas que poden contribuír a afrontar retos sociais compartidos en ámbitos como a saúde, a educación ou a mobilidade limpa.
Tamén facilitará que compradores públicos de distintos Estados membros realicen conxuntamente contratos de investigación e desenvolvemento.
Espérase que estas medidas permitan aforrar anualmente 1.000 millóns de euros aos compradores públicos e xeren 25.920 millóns de euros adicionais de beneficios anuais para as empresas.
Un marco regulador máis favorable á innovación
Paralelamente á Lei Europea de Innovación, a Comisión axudará os innovadores a acelerar a transformación das súas ideas en solucións de mercado mediante unha proposta específica sobre espazos controlados de probas.
Estes espazos permiten que empresas, persoal investigador e autoridades públicas proben novos produtos, servizos ou tecnoloxías durante un período limitado, nun ambiente controlado e baixo a supervisión das autoridades reguladoras.
Este sistema axuda os innovadores a comprender como se aplican as normas na práctica e, ao mesmo tempo, permite que as autoridades identifiquen os aspectos da regulación que poderían precisar unha revisión.
Xa existen espazos controlados de probas nalgúns ámbitos do Dereito da UE, pero non hai un enfoque común para toda Europa, o que provoca fragmentación e incerteza.
A nova proposta de Recomendación do Consello busca cambiar esta situación mediante a creación dun marco común de referencia da UE para os espazos controlados de probas nos ámbitos que aínda non están cubertos pola lexislación europea.
O marco basearase nas leccións aprendidas nos Estados membros e nas iniciativas europeas existentes. Deste xeito, ofrecerá aos innovadores máis oportunidades para probar novas solucións, garantindo ao mesmo tempo a protección dos intereses públicos.
Máis información: Comisión Europea
Ficha informativa sobre a Lei Europea de Innovación
Proposta de Lei Europea de Innovación
Proposta de Recomendación do Consello sobre os espazos controlados de probas