Von der Leyen sitúa a competitividade, a seguridade e a autonomía estratéxica entre as prioridades da Comisión para os próximos meses - Fundación Galicia Europa

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

— A presidenta avogou no seu discurso sobre o estado da Unión por unha Europa máis independente, capaz de defenderse e de competir nun contexto internacional marcado polas tensións xeopolíticas, o cambio climático e a transformación tecnolóxica

Bruxelas, 17 de setembro de 2026. Competir mellor, depender menos do exterior e reforzar a capacidade de Europa para responder ás novas ameazas foron algúns dos principais eixes do discurso sobre o estado da Unión pronunciado este mércores pola presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, ante o Parlamento Europeo.

Nun contexto marcado polas tensións xeopolíticas, a transformación tecnolóxica e os efectos do cambio climático, a Comisión sitúa a competitividade, a seguridade e a autonomía estratéxica no centro da súa folla de ruta para os próximos anos.

Un mercado único máis sinxelo

A competitividade continúa a ocupar un lugar destacado no traballo da Comisión Europea, fixándose como meta avanzar na revisión do mercado único, reducir cargas administrativas e acelerar os procedementos para facilitar a actividade das empresas. 

Entre as medidas mencionadas figuran tamén o desenvolvemento da Unión de Aforro e Investimento, novas iniciativas para mobilizar capital privado e un paquete para o sector bancario, co obxectivo de facilitar o financiamento da economía europea.

Menos dependencia enerxética

A enerxía foi outro dos grandes eixes. Von der Leyen defendeu acelerar a electrificación da economía, ampliar as redes e incrementar a produción de enerxías renovables e nuclear, ao tempo que se reduce a dependencia europea dos combustibles fósiles importados.

Sobre este asunto, tamén anunciou un novo paquete europeo sobre redes eléctricas e a creación dunha Empresa Europea de Materias Primas Críticas, orientada a reforzar a capacidade da UE para garantir subministracións estratéxicas e reducir a súa dependencia.

A carreira pola intelixencia artificial

A transición dixital aparece ligada tamén ao emprego. Entre as propostas figura unha Leyi de Empregos de Calidade, orientada a reforzar a dimensión laboral da transformación económica e tecnolóxica. A presidenta defendeu que Europa debe avanzar na regulación da intelixencia artificial, pero tamén na súa capacidade para desenvolvela e aplicala na economía e na sociedade. 

Para iso, a Comisión quere aumentar a capacidade europea en computación e mobilizar investimento público e privado cara ás empresas tecnolóxicas europeas, impulsando o uso da IA en ámbitos como a industria, a saúde, a agricultura, as redes enerxéticas ou a defensa.

Clima e capacidade de resposta

Os incendios en Grecia e Irlanda, a seca de ríos como o Danubio ou o aumento das temperaturas foron algúns dos exemplos empregados pola presidenta para subliñar a necesidade de avanzar nos obxectivos climáticos.

Así mesmo, sinalou a importancia non só de loitar contra o cambio climático, senón de adaptarse aos seus efectos. Para iso, a Comisión propón un marco europeo de resiliencia climática, novas iniciativas sobre seguros fronte ao clima e medidas relacionadas coa auga e coa prevención e resposta aos incendios forestais.

Máis seguridade e apoio a Ucraína

Ucraína tivo unha parte destacada nun discurso no que von der Leyen reafirmou o compromiso da UE co apoio humanitario e enerxético ao país e co reforzo da súa defensa aérea ante o inverno que está por vir, ademais de defender o mantemento e endurecemento das sancións contra Rusia.

No ámbito da seguridade, a presidenta anunciou unha nova estratexia europea para facer fronte ás ameazas híbridas e propuxo reforzar os mecanismos de coordinación entre os Estados membros, así como a cooperación coa OTAN.

Democracia, mocidade e protección dos menores

O discurso abordou tamén a dimensión democrática e social da Unión. A Comisión anunciou novas medidas para reforzar a democracia europea fronte á desinformación e á inxerencia estranxeira, entre elas a creación dun Centro Europeo para a Resiliencia Democrática, destinado a apoiar os Estados Membros na identificación e resposta ante este tipo de ameazas.

A protección dos menores no ámbito dixital tivo un espazo especialmente destacado. Von der Leyen anunciou que a Comisión presentará a EU Kids Act, coa que se pretende establecer un enfoque gradual de protección segundo a idade.

Segundo anunciou, “non haberá redes sociais para os menores de 13 anos nin contas persoais para os menores de 15”, mentres que entre os 15 e os 18 anos as plataformas deberán ofrecer un deseño seguro. A Comisión prevé ademais unha futura Lei de Equidade Dixital, destinada a abordar cuestións como os deseños adictivos das plataformas.

A dimensión social complétase con propostas vinculadas ao Pilar Europeo de Dereitos Sociais, aos coidados e ao acceso á vivenda. Von der Leyen anunciou tamén un novo Pacto Europeo polos Coidados que faciliten o acceso á vivienda entre a poboación nova.

Máis información:

Accede ao discurso completo – Europe Direct Galicia

Enquisa – SOTEU 2026

Comisión Europea – SOTEU 2026

Detalles de contacto
Adriana Rodríguez Novo