Galicia presenta en Bruxelas o seu traballo a prol do desenvolvemento da IA
11/04/2024 | Axenda Dixital
— O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou en Bruxelas os avances da lei autonómica, que será presentada para a súa aprobación antes do verán.
— Nunha serie de reunións coas institucións organizadas pola FGE, a delegación galega recibiu información de primeira man sobre o alcance e implicacións do regulamento europeo de IA.
Bruxelas, 11 de abril de 2024. O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, reuniuse nos dous últimos días con diversos representantes da Unión Europea. Na súa visita á capital comunitaria, organizada pola Fundación Galicia Europa, presentou os avances da lei galega de intelixencia artificial, así como as principais actuacións de Galicia para a promoción desta tecnoloxía.
Mantivo reunións con representantes do Parlamento Europeo, do Comité Europeo das Rexións, da Comisión e da Representación Permanente de España ante a UE nas que estivo acompañado pola directora da Oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos.
No marco do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030 que promove a especialización da nosa comunidade en tecnoloxías de alto impacto, a delegación galega reafirmou ante os representantes europeos a súa vocación de consolidarse como unha rexión de referencia en intelixencia artificial. Esta aspiración arguméntase en actuacións como a preparación da primeira lei rexional europea para o desenvolvemento e promoción da IA, a atracción cara a Galicia da Axencia Estatal de Supervisión de IA, a aprobación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial ou a creación dunha Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial na nosa comunidade.
A IA no foco dos encontros da Amtega coas institucións europeas
O martes día 9 de abril, despois dun encontro co conselleiro de Axenda Dixital da Representación Permanente de España ante a UE, Miguel Valle, a representación galega reuniuse o martes co director de Desenvolvemento Lexislativo do Comité das Rexións, Thomas Wobben. Ambos foron relatores durante o evento adicado á intelixencia artificial na Semana Europea das Rexións 2023, organizado en outubro pola Fundación Galicia Europa.
Foi no segundo destos encontros no que Galicia recibiu a proposta de formar parte dunha rede pioneira de rexións europeas que apostan pola especialización en intelixencia artificial, así como de participar en actuacións para compartir casos de éxito e presentacións de relatorios sobre esta materia. Wobben foi informado sobre os avances na tramitación da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial de Galicia, que será presentada para a súa aprobación no Parlamento autonómico antes do verán.
Na segunda xornada, Julián Cerviño reuniuse co eurodeputado Axel Voss, responsable do informe da comisión especial sobre Intelixencia Artificial na Era Dixital do Parlamento Europeo, que estableceu o calendario para a tramitación do regulamento europeo de IA (IA Act). No encontro, no que tamén participaron os deputados Francisco Millán e Pilar del Castillo, Axel Voss informou á delegación galega sobre as implicacións rexionais e o alcance da lei, recentemente aprobada.
As sesións de traballo en Bruxelas remataron pola tarde cun encontro co responsable de políticas de Desenvolvemento da Intelixencia Artificial e Coordinación da Dirección Xeral de Sociedade da Información e Medios de Comunicación da Comisión Europea, Martin Ulbrich.
Máis información: Xunta de Galicia