— A Fundación Galicia Europa coordinou o apoio de Galicia e do resto de comunidades autónomas españolas a esta carta.
Bruxelas, 24 de xuño de 2024. Galicia foi unha das 120 rexións de 15 Estados membros que o 31 de maio enviou unha carta a Ursula von der Leyen solicitando unha reunión para tratar o futuro da política de cohesión.
En vésperas dun novo mandato da Comisión Europea e con vistas á preparación do próximo orzamento plurianual da UE, estas rexións insisten na importancia da política de cohesión como solución tanxible para afrontar numerosos retos.
As rexións asinantes recoñecen que é necesario reformar a política de cohesión, pero advirten do perigo dunha maior centralización desta política. Están dispostos a colaborar coas institucións europeas para lograr o cambio. As rexións subliñan que o futuro orzamento da política de cohesión debe responder ás ambicións de desenvolvemento rexional a longo prazo.
Estas rexións non son partidarias da aplicación do modelo do Fondo de Recuperación e Resiliencia (FRR) para a distribución da política de cohesión, e non quererían que o cargo de comisario responsable da política de cohesión se diluíse nunha carteira de investimentos máis ampla.
As 120 rexións piden:
- Unha política de cohesión, dispoñible para todas as rexións, que respecte un enfoque territorial, basado no lugar, así como os principios de colaboración e subsidiariedade.
- Un maior papel das rexións na aplicación da política, mediante a xestión compartida e a gobernanza multinivel.
- Un diálogo reforzado entre a Comisión Europea.
As rexións asinantes están desexando discutir estes elementos coa presidenta Von der Leyen.
Antecedentes
As 120 rexións son de Alemaña, Austria, Eslovaquia, Eslovenia, España, Finlandia, Francia, Grecia, Italia, Países Baixos, Polonia, Portugal, República Checa, Romanía e Suecia.
Esta iniciativa é unha continuación do traballo realizado ata o momento polo Comité Europeo das Rexións e tamén conta co apoio da Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas (CRPM), a Rede de Investigación e Innovación das Rexións Europeas (ERRIN) e a Oficina Europea do Rexións de Irlanda.
A Fundación Galicia Europa coordinou o apoio de Galicia a esta carta e do resto de comunidades autónomas como coordinadora do Grupo de Cohesión da rede informal de Colaboración entre Oficinas Rexionais en Bruxelas.
Por último, as rexións súmanse ás preocupacións manifestadas polo presidente do Comité Europeo das Rexións, Vasco Alves Cordeiro, na súa carta do 17 de xuño, en relación ás recentes novas sobre as discusións en curso no seo da Comisión Europea sobre os futuros fondos comunitarios baixo xestión compartida.