Bruxelas, 25 de octubro de 2024.
O programa Europa Creativa é o buque insignia da Comisión Europea para apoiar e financiar actividades culturais nos Estados membros. Para o ano 2025 o programa contará cun orzamento de aproximadamente 338 millóns de euros para implementar as súas accións, e dividirase en tres seccións:
- Cultura: apoiará aos sectores creativos e culturais.
- Media: apoiará ao sector audiovisual e o cine.
- Multisectorial: apoiará a cooperación entre varios sectores, incluíndo tamén expresamente o dos medios de comunicación. Esta sección multisectorial aspira a reforzar a colaboración entre distintos sectores culturais. Para conseguilo empregará a cooperación política, os servizos prestados polas oficinas de Europa Creativa e o Laboratorio para a Innovación Creativa.
O programa pretende apoiar os sectores cultural e creativo de Europa, fomentando ao mesmo tempo a innovación, a sustentabilidade e a inclusión social. Os seus principais piares son:
- A transición dixital e contidos audiovisuais: Reforzará o uso de tecnoloxías como a intelixencia artificial na produción e distribución de contidos culturais. Fomentarase a experimentación con novas solucións dixitais, especialmente na creación, distribución e promoción de contidos culturais.
- Sustentabilidade: Este programa contribúe aos obxectivos do Pacto Verde. En 2025, introducirase unha ferramenta de medición das emisións de carbono para as producións audiovisuais co fin de reducir o seu impacto ambiental.
- Inclusión social e igualdade de xénero: Fomenta a mobilidade xeográfica dos artistas, en particular facilitando a mobilidade virtual das persoas con discapacidade. Todos os proxectos financiados deberán incorporar estratexias de igualdade e inclusión.
- Apoio a Ucraína: En 2025, Ucraína participará plenamente no capítulo MEDIA, cunha convocatoria específica de 5 millóns de euros para proxectos que axuden a reconstruír o sector creativo ucraíno.
Entre as accións previstas, destacan dúas de especial relevancia para Galicia:
- Circulación de obras literarias europeas: Apoiaranse 40 proxectos que traduzan, publiquen, distribúan e promovan obras literarias de ficción apoiando linguas rexionais e minoritarias, como o galego. O orzamento total será de cinco millóns de euros.
- Residencias de acollida: Dirixido a persoas xurídicas dedicadas a un dos sectores beneficiarios e que queiran aloxar temporalmente a artistas ou profesionais da cultura estranxeiros que se despracen para formarse en novas técnicas. As entidades beneficiarias poden ser persoas públicas ou privadas. En edicións anteriores un dos proxectos adxudicatarios foi o dunha ONG galega que desenvolveu proxectos de residencia cuxo obxectivo é revitalizar as zonas rurais despoboadas de Anceu a través da arte. A convocatoria para o programa de residencias de acollida estará aberta ata o 30 de novembro do 2024.
Cada país membro conta cunha oficina antena encargada de contribuír á implementación do programa no seu territorio, e resolver as dúbidas que puidesen ter os axentes interesados.
Máis información:
–Programa de traballo anual 2025 (Calendario coa previsión de convocatorias na última folla)