Xunta e Tribunal de Contas Europeo analizan os fondos Next Generation EU

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

— O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ con récord de inscritos, moderada pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos

— Alejandro Blanco, membro do Tribunal Europeo de Contas, e Ángel Tarrío, director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, reflexionaron sobre o modelo de xestión dos recursos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia

Bruxelas, 13 de decembro de 2024. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas. Alejandro Blanco, un dos 27 membros do Tribunal Europeo de Contas, e Ángel Tarrío, director xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos, fixeron balance e reflexionaron sobre a xestión do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), programa central do paquete de recuperación NextGenerationEU posto en marcha en 2021 pola Unión Europea. A encargada de moderar a sesión foi a directora da oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, Ana Ramos.

Na súa intervención, Miguel Corgos salientou o éxito na implementación do MRR en Galicia, coa segunda taxa de resolución máis alta do Estado, sen contar as entidades locais. Tamén puxo en valor que dous de cada tres euros dos fondos van, na Comunidade galega, para actuacións en Transformación Verde e Transporte Sustentable e para accións de Protección Social e Educación. O conselleiro de Facenda e Administración Pública salientou, ademais, a axilidade para poñer os fondos a disposición dos beneficiarios.

Pola súa banda, Ana Ramos explicou que están por ver os puntos fortes e débiles do modelo de xestión dos fondos do MRR, baseado no cumprimento de fitos e obxectivos e ligado a investimentos e reformas. Tamén está baixo a lupa –engadiu– a xestión dos fondos estruturais (FEDER e FSE), procedentes da política rexional da UE. A directora da oficina da FGE en Bruxelas incidiu na importancia que terá esta avaliación de cara ao futuro marco financeiro plurianual, que debe negociarse a partir do ano que vén.

Neste sentido, Alejandro Blanco expuxo os retos da auditoría de sistemas baseados no cumprimento de obxectivos. Tamén explicou o papel do Tribunal de Contas Europeo, debullou a estratexia desta institución para avaliar a xestión do MRR e destacou as súas diferenzas con respecto aos fondos de cohesión.

Contexto

Máis de 500 representantes da Xunta participaron nas 45 sesións dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ celebrados dende 2020. A celebrada hoxe contou coa cifra récord dun cento de inscritos. A Fundación Galicia Europa impulsou esta iniciativa durante a pandemia, para informar da resposta da UE e o deseño do período de programación 21-27, que evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.

Durante 2024 celebráronse sete sesións. Comezouse por repasar as prioridades da Comisión Europea e, durante os seguintes meses, amosouse a perspectiva europea e galega sobre cuestións tan importantes como o futuro da política agrícola común (PAC), a lei de restauración da natureza, a Plataforma Europea de Tecnoloxías Estratéxicas (STEP), ou as eleccións europeas, un punto de inflexión fundamental na axenda política europea que marca o comezo dun novo ciclo institucional.

Detalles de contacto
Alejandro Gesto