A Andaina solidaria de Montes e Praias de Marín cumpre 10 anos - Concello de Marín

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

A proba foi presentada esta mañá desde un dos puntos máis bonitos do percorrido, o banco da Teoira. A actividade, que se celebrará o 16 de marzo para recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro, xa ten as inscricións abertas.

Marín, 21 xaneiro 2025

O sendeirismo e a solidariedade, o gusto pola natureza e o apoio á investigación, a descuberta dun Marín descoñecido e a sensibilización social de cara ás enfermedades oncolóxicas… Todos estes elementos levan dez anos dándose a man en Marín, grazas á Andaina Montes e Praias, que organiza a Asociación Española contra o Cancro e a Federación Galega de Montañismo, coa colaboración do Concello de Marín

Esta mañá, a concelleira de Turismo Cristina Acuña e os responsables da organización, José Gil e Emilia Rey, desprazáronse ata o espectacular banco da Teoira, un dos puntos máis emblemáticos polos que pasa o roteiro, para presentar esta edición tan especial, que se celebrará o 16 de marzo.

Como xa é habitual, haberá dúas andainas: a popular, de 15 quilómetros, e a deportiva, de 25. A primeira en saír será esta última desde a Alameda, ás 09.00 horas, para que 15 minutos despois saia a popular.

As inscricións xa están abertas, con dous tramos de prezos. Ata o 16 de febreiro, a inscrición terá un custo de 7 e 12 euros, respectivamente. Desde esa data e ata o 9 de marzo, pasará a ter un custo de 12 e 15 euros. No caso da andaina deportiva, aumentarase en 3 euros para os non federados. O enlace de inscrición é o seguinte.

A concelleira quixo trasladar “a importancia que ten para Marín esta andaina, na que sempre cubrimos prazas. Son máis de 400 persoas apostando por un apoio sen fisuras á AECC e visibilizando a necesidade de apoiar a investigación e o importante labor que fan desde a asociación para axudar ás persoas que padecen algún tipo de enfermidade oncolóxica, ademais de ás súas familias e seres queridos”.

Precisamente, polo éxito de convocatoria que ten a andaina, desde a organización animan a que as persoas interesadas se inscriban canto antes. “Da igual tela feito algunha vez ou non, é unha oportunidade única para axudar pero para tamén descubrir un Marín descoñecido, pasando por puntos tan espectaculares como este no que estamos hoxe e outros moitos”.

Ademais, e para non perder a tradición, a celebración da Andaina coincidirá co festa gastronómica do Bolo do Pote, que se poderá degustar na Alameda a partir do mediodía e co que os camiñantes poderán recuperar as forzas.

Detalles de contacto
Concello de Marín