— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE participou no pleno nº165 do CdR como coordinador da delegación española nesta asemblea
— No ditame prospectivo sobre o Pacto Europeo dos Océanos, a Xunta advertiu de que a inseguridade xurídica e a incerteza no sector pesqueiro provoca a destrución de frotas e empregos na UE
— En relación co novo Plan de acción europeo para o sector da automoción, Galicia defendeu a industria local de compoñentes
— A nosa comunidade sumouse a un novo intergrupo do Comité para protexer as rexións vitivinícolas europeas fronte as disputas arancelarias inxustificadas
Bruxelas, 3 de abril de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), na que se aprobaron cinco ditames de opinión e tres resolucións urxentes, ademais de celebrarse catro debates políticos de alto nivel. Como coordinador da delegación española nesta asemblea política, Jesús Gamallo participou nunha reunión dos coordinadores nacionais coa nova presidenta do CdR, a húngara Kata Tüttő. Nesta xuntanza interveu no intercambio de opinións sobre o marco financeiro plurianual posterior a 2027 para defender o mantemento dos programas rexionais de fondos estruturais.
Un dos ditames máis relevantes para Galicia é o relativo ao futuro Pacto Europeo dos Océanos, previsto por parte da Comisión Europea para o mes de xuño. A través de oito emendas, Galicia reclamou a defensa do produto pesqueiro comunitario fronte ao de terceiros países, esixindo a estes as mesmas normas de comercialización para non prexudicar á competitividade da frota europea.
Jesús Gamallo lembrou que Galicia é a primeira rexión pesqueira da Unión Europea e advertiu de que a inexistencia dunha verdadeira política social comunitaria da pesca leva a un serio problema de relevo xeracional no sector o que, sumado á inseguridade xurídica e á incerteza, provoca a desaparición e a destrución de frotas pesqueiras e empregos na UE.
Sectores do automóbil e do viño
A Xunta de Galicia tamén contribuíu á resolución urxente sobre o reforzo da dimensión territorial na aplicación do Plan de Acción Industrial para o Sector Europeo do Automóbil, anunciado o mes pasado. En concreto, chamou a atención sobre a importancia de promover a compra de compoñentes de orixe local para reducir as emisións de CO2 e a pegada de carbono, demandando que os instrumentos de apoio económico ás empresas inclúan criterios de avaliación que impulsen a compra a provedores da UE.
Así mesmo, no marco deste pleno constituíuse un intergrupo no Comité dedicado ao viño. Galicia sumouse a esta iniciativa que se estreou cunha declaración para protexer as rexións e o sector vitivinícolas fronte as disputas arancelarias inxustificadas, en referencia ás políticas anunciadas polos Estados Unidos e á resposta da UE. O texto advirte do impacto que conlevan estas tensións e reclama ao CdR que recoñeza a importancia dos produtos vitivinícolas para a identidade cultural e rexional, a economía e as estruturas sociais europeas, ademais de reclamar á Comisión Europea e ao Parlamento Europeo que manteñan o viño á marxe das disputas arancelarias.
Contexto
O Comité Europeo das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Durante este mandato, Alfonso Rueda ocupa a presidencia da delegación española, composta por 21 representantes das comunidades autónomas e dos municipios, e unha das vicepresidencias da Mesa.
Máis información: