Un voluntario da Fundación Galicia Europa participa no proxecto “Let’s Find Entrepreneurs” en Grecia para fomentar o emprendemento xuvenil
03/04/2025 | Incubtrans, IVY, RuralYouthFuture
— O evento, que tivo lugar en Atenas, contou con sesións colaborativas, centradas na comprensión, motivación e apoio aos mozos que non traballan, non estudan e non realizan prácticas.
Santiago, 3 de abril de 2025. Un mozo voluntario da Fundación Galicia Europa viaxou a Atenas para participar no proxecto «Let’s Find Entrepreneurs: Connect Youth to Entrepreneurship». Este proxecto, enmarcado no programa Erasmus+ 2023-2024, está destinado ao intercambio, formación e desenvolvemento de habilidades dos profesionais e institucións que acompañan e apoian a mozos emprendedores.
O evento desenvolveuse ao longo de cinco días de sesións colaborativas, centradas na comprensión, motivación e apoio aos mozos que non traballan, non estudan e non realizan prácticas.
Promover a cooperación transfronteiriza
Para participar nestas xornadas do proxecto, a Fundación Galicia Europa enviou a un dos seus voluntarios do programa Interreg Volunteer Youth (IVY), Hernán Rodríguez, quen colabora no proxecto Incubtrans.
Durante as sesións colaborativas, dous membros de cada organización involucrada participaron en numerosos obradoiros teóricos e prácticos, organizados por EKO Greece, unha entidade sen ánimo de lucro con sede en Atenas que traballa no ámbito do empoderamento xuvenil, a integración cultural e o desenvolvemento sostible.
Así mesmo, o voluntario da Fundación puido presentar a iniciativa Interreg Volunteer Youth, o proxecto Incubtrans e outras iniciativas de cooperación transfronteiriza que existen entre España e Portugal en beneficio das pemes e micro pemes galegas e portuguesas. Durante a presentación subliñou, ademais, a necesidade de apoiar aos emprendedores e empresarios, axudándolles a aproveitar oportunidades e superar retos mediante solucións conxuntas na eurorrexión.
O evento contou cunha visita guiada por Atenas que serviu, ademais, para favorecer o intercambio cultural e forxar novas relacións con socios portugueses, gregos e dos Países Baixos.
Sobre Incubtrans
Sobre Incubtrans Esta iniciativa busca crear unha incubadora empresarial transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, co obxectivo de estimular a creación sostible de novas empresas, impulsar o emprego cualificado e xerar valor engadido no territorio fronteirizo.
A Fundación Galicia Europa participa como socia neste proxecto cofinanciado polo programa Interreg VI A de Cooperación España-Portugal (Poctep) 2021-2027, cunha duración de 48 meses (de xaneiro de 2023 a decembro de 2026). A través de Incubtrans, búscase fomentar a cooperación para maximizar o aproveitamento dos recursos endóxenos do territorio e desenvolver iniciativas en sectores clave.
Interreg Volunteer Youth (IVY) e a Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa acolle voluntarios no marco da iniciativa Interreg Volunteer Youth (IVY), que ofrece vantaxes semellantes ás do Servizo Voluntario Europeo e permite que mozos colaboren en proxectos de cooperación territorial en rexións transfronteirizas. A selección das organizacións de acollida realízaa a Asociación de Rexións Fronteirizas e Transfronteirizas Europeas (ARFE) por encargo da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea (DG REGIO).