Galicia estreouse esta semana como coordinadora da delegación española do Comité Europeo das Rexións nunha sesión plenaria con importantes debates para a nosa comunidade como o futuro Pacto Europeo polos Océanos, o novo plan europeo para o automóbil ou o compás de competitividade.
Neste boletín fixámonos especialmente neste último, analizando as medidas anunciadas para reducir a fenda de innovación da UE respecto a outros países, para facer compatible a competitividade coa transición ecolóxica e para reforzar a seguridade e reducir a dependencia excesiva da UE respecto doutros países. Algunha destas iniciativas xa están enriba da mesa, como o Pacto Industrial limpo ou a Unión das Competencias. De todo isto puido falar a conselleira de Economía e Industria na súa visita a Bruxelas a principios de marzo, na que anunciou unha estratexia galega en materia de seguridade, defensa e espazo, e urxiu a pór en marcha as medidas anunciadas en favor do automóbil.
Destacamos tamén a publicación, por primeira vez, de datos sobre como as rexións europeas avanzan cara os 11 obxectivos fixados pola UE para reducir a contaminación en 2030. Galicia amosa unha evolución positiva, con mellores datos cá media europea e española na maioría de indicadores.
En materia de financiamento, salientamos ás máis de 30 convocatorias do Fondo Europeo de Defensa que están agora mesmo abertas e que se presentaron nunhas xornadas en Bruxelas durante esta semana. Máis de mil millóns de euros están dispoñibles para o desenvolvemento de tecnoloxías e capacidades de defensa en todos os ámbitos: terrestre, naval, espazo e ciberseguridade.
E para todo aquel queira achegarse ás posibilidades de financiamento comunitario, a convocatoria da 22ª edición de TecEuropa está aberta ata o 21 de abril.
Boa lectura!