— Para participar nesta formación, que terá lugar o 26 de maio en Chaves, é necesario formalizar a inscrición a través do formulario
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2025.– O día 26 de maio, a Fundación Galicia Europa, en colaboración coa Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega (ADRAT), celebrará en Chaves unha formación de capacitación empresarial como parte do proxecto Interreg «Incubtrans».
O obxectivo desta actividade é proporcionar ferramentas ás pequenas empresas da zona de Galicia e do Norte de Portugal —especialmente ás situadas na Eurocidade Chaves – Verín— para facer fronte a problemas e desafíos. Ademais, a actividade pretende facilitar un espazo para establecer redes entre empresarios de sectores afíns, que lles permita explorar sinerxías e potenciar o traballo colaborativo.
Unha formación para empresarios e emprendedores do turismo rural
A formación está dirixida a empresarios e emprendedores de sectores vencellados ao turismo rural, concretamente ao coñecido como «Turismo de quinta», e dividirase en dúas partes. A primeira ofrecerá información e orientación para empresas. A segunda terá un carácter máis interactivo e será guiada e monitorizada por persoas expertas en distintas materias.
Os retos e os desafíos serán os eixos principais que guiarán unha xornada que comezará coa exposición dos programas de financiamento e apoio dispoñibles na UE, en Portugal, en España e, particularmente, en Galicia.
Ademais, a formación contará con exposicións por parte de empresas dedicadas ao turismo rural, que abordarán as súas estratexias e plans de acción para potenciar o desenvolvemento dos seus negocios, aproveitando os recursos da súa contorna.
Finalmente, trataranse en detalle os retos e desafíos que desexan abordar os asistentes, e exploraranse as posibles solucións e ferramentas para o seu sector.
Para asistir a esta xornada, que terá lugar o 26 de maio en Chaves (na sede da ADRAT), é obrigatoria a inscrición.
Sobre Incubtrans
O proxecto Incubtrans está cofinanciado polo Programa Interreg VI A de Cooperación España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, FEDER. O seu principal obxectivo é crear unha incubadora transfronteiriza na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, en particular no territorio da Eurocidade Chaves-Verín, que estimule e apoie a creación sostible de novas empresas, emprego cualificado e valor engadido no territorio fronteirizo, actuando como interface entre o tecido empresarial, a formación e as institucións universitarias e de I+D da rexión transfronteiriza.
Son socios deste proxecto: a Eurocidade Chaves-Verín, a AECT (Beneficiario Principal), a Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega (ADRAT) (PT), o Instituto Politécnico de Bragança (IPB) (PT), a Universidade de Vigo (Uvigo) (ES), a Asociación de Novos Empresarios de Galicia (AJE-G) (ES), a Associação Nacional de Jovens Empresários (ANJE) (PT) e a Fundación Galicia Europa (FGE) (ES).
Atopa aquí as novas relacionadas co proxecto.