O Campus de Ferrol, novo Espazo Sen Fume pola colaboración da Asociación Española Contra o Cancro e a UDC - Aguamarina

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

Ferrol, 29 de maio de 2025 – O Campus de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC) é desde hoxe un Espazo Sen Fume grazas á colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro. A declaración formalizouse esta mañá nun acto institucional celebrado como antesala do Día Mundial Sen Tabaco, que se conmemora o 31 de maio. A novidade deste recoñecemento reside en que, por vez primeira, toda a extensión do campus queda oficialmente libre de tabaco e vapeo, ao integrarse nun único espazo os sete puntos do campus que xa contaban con esta consideración.

No acto de inauguración participaron, por parte da Asociación Española Contra o Cancro, o presidente da Xunta Provincial da Coruña, Manuel Aguilar, e a presidenta e vicepresidenta da Xunta Local en Ferrol, Isabel Estevan e Mabel Sanesteban, respectivamente. En representación da universidade asistiron a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares, e o director do programa UDC Saudable, Sergio Santos.

A iniciativa reflicte o compromiso compartido de ambas as entidades coa saúde e o benestar da comunidade universitaria. A creación destes espazos contribúe a desnormalizar o consumo de tabaco e dispositivos electrónicos, especialmente entre a mocidade, e a avanzar na construción dunha universidade máis consciente e responsable.

Con motivo desta nova declaración, durante a mañá desenvolvéronse diversas accións de sensibilización, entre elas a instalación de bandeirolas informativas en puntos estratéxicos e a colocación de vinilos informativos nos principais edificios do campus. Ademais, colocáronse mesas informativas na praza da Vicerreitoría e na entrada traseira do aulario de Ferrol, onde se repartiu material divulgativo coa colaboración de persoas voluntarias da Asociación.

Estas accións tamén se replicaron noutros espazos da UDC, como a Biblioteca Xoana Capdevielle e o Centro Universitario de Riazor no Campus da Coruña, reforzando a mensaxe de prevención en toda a comunidade universitaria.

A declaración do Campus de Ferrol como Espazo Sen Fume enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a UDC e a Asociación Española Contra o Cancro no ano 2023, que contempla ademais o desenvolvemento de distintas actividades ao longo do ano co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables entre o alumnado, o profesorado e o persoal universitario.

Detalles de contacto
Xose Aldámiz