Rueda destaca o papel de Galicia para que Europa avance na transición enerxética cara a neutralidade climática
03/07/2025 | Comité Europeo das Rexións
— Resalta as medidas da Xunta para poñer as enerxías limpas a disposición da industria, xerar emprego e cohesión social.
— Demanda un financiamento nesta materia adaptado ás necesidades e realidade de cada territorio.
— Aposta por consolidar a gobernanza multinivel no continente e que as rexións teñan máis peso na toma de decisións.
Bruxelas, 2 de xuño de 2025. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou esta tarde en Bruxelas o papel estratéxico que Galicia pode exercer na transición enerxética que está a vivir Europa para avanzar cara á neutralidade climática.
Durante a súa intervención na 167 Sesión Plenaria do Comité Europeo das Rexións centrada no financiamento para avanzar cara un modelo enerxético máis sostible, Rueda salientou que Galicia xa é un referente internacional nas enerxías limpas. Neste liña, lembrou que a comunidade pechou 2024 “cun 85%” de xeración de enerxía eléctrica procedente de fontes renovables, o que supón superar xa os obxectivos marcados pola Unión Europea para 2030.
Ademais, o líder da delegación española ante o Comité Europeo das Rexións, resaltou o traballo que está a realizar a Xunta “con varios avances normativos” para poñer as enerxías limpas á disposición da industria e favorecer con elas a xeración de emprego e a cohesión territorial. Entre as medidas máis salientables está reservar “o 50% da produción dos novos parque eólicos” para satisfacer a demanda da industria con contratos estables a longo prazo; promover a repotenciación destas instalacións para producir “máis enerxía con menos aeroxeneradores” ou a creación dunha sociedade público-privada para que “os beneficios repercutan nas comunidades onde se asentan as enerxías renovables”.
Rueda demandou na súa intervención un maior peso das rexións na transición enerxética e un financiamento adaptado ás necesidades e a realidade de cada territorio.
Reunión con Raffaele Fitto
Antes do debate sobre o futuro enerxético de Europa, o presidente da Xunta mantivo un encontro co vicepresidente de Cohesión e Reformas da Unión Europea, Raffaele Fitto. Xunto con outros representantes rexionais de 12 países, Rueda reivindicou a necesidade de que a política de cohesión rexional siga a ter un gran peso no futuro orzamento comunitario, cuxa proposta a Comisión Europea desvelará en dúas semanas.
Ademais, o titular do Executivo autonómico reiterou a necesidade de que as rexións poidan participar no deseño dos fondos europeos e de que se sigan criterios de cohesión na distribución destes recursos para que chegue a todas as rexións en igualdade de condicións.
40 aniversario da entrada de España na UE
Rueda tamén participou a primeira hora da tarde nun acto en lembranza do 40 aniversario desde que España e Portugal entraron a formar parte da Unión Europea no que destacou que ambos países están “dispostos a seguir contribuíndo a Europa con lealdade e ilusión”. Na súa intervención, salientou que o futuro do continente pasa por consolidar a unión das diferentes rexións que a conforman e apostou por consolidar a fórmula de éxito da UE na que se compaxina “descentralización, cohesión e cooperación transfronteiriza”.
Ademais, o titular do Goberno galego, xunto con outros 30 representantes das rexións europeas, mantivo un encontro coa vicepresidenta de Persoas, Capacidades e Preparación da Comisión Europea, Roxana Minzatu.
Máis información: Xunta de Galicia