Bruxelas, 22 de xullo de 2025 – A Comisión Europea vén de aprobar a creación do Consello Asesor Xuvenil da presidenta da Unión Europea. A pesar da expectación xerada, a súa posta en marcha era previsible. A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, xa expresara este compromiso e incluírao nas Directrices Políticas 2024-2029. Así mesmo, os pasos dados polo executivo comunitario para implicar á mocidade no proceso de construción europea foron numerosos antes da aprobación desas directrices, como a posta en marcha da Conferencia sobre o Futuro de Europa en 2021.
O Consello contará con 29 representantes: un por cada Consello Nacional da Xuventude de cada Estado membro e un adicional en representación do Foro Europeo da Xuventude. O seu labor centrarase en asesorar á Comisión sobre políticas relevantes para a mocidade, garantindo así que as súas perspectivas sexan tidas en conta na formulación das políticas europeas.
Este compromiso da presidenta súmase a outras iniciativas destinadas á xuventude, que tamén forman parte das mesmas directrices do mandato comunitario, como o reforzo do programa Erasmus+ —incluíndo a Formación Profesional— ou os Diálogos coa Xuventude.