Chegamos á pausa estival cunha morea de propostas que sentan as bases para as actuacións da UE dos próximos anos.
En primeiro lugar, o primeiro Pacto Europeo polos Océanos reúne nunha única estratexia todas as políticas relacionadas co mar: a súa protección, a promoción das actividades económicas ligadas a el, a investigación e mesmo a seguridade e defensa. Un piar enteiro, do que estaremos especialmente pendentes, está dedicado ao apoio ás comunidades costeiras.
En segundo lugar, o firme compromiso da UE coa acción polo clima reflíctese no novo obxectivo de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro. Tras unha avaliación favorable dos avances dados cara acadar o 55% en 2030, o executivo comunitario propón agora unha redución do 90% para 2040 como paso intermedio para a neutralidade climática en 2050, obxectivo xa vinculante desde 2021. Con este novo fito a alcanzar, a UE quere mandar un sinal forte á comunidade internacional e ofrecer ao sector privado previsión e estabilidade na transición cara a unha enerxía limpa. Tendo en conta os actuais retos xeoeconómicos (segundo a nova linguaxe dos líderes europeos), a Comisión propón unha serie de flexibilidades para acadalo, entre as que se atopa o novo marco para a concesión de axudas públicas en apoio ás industrias limpas.
Por último, a primeira estratexia europea dedicada á xestión da auga pretende poñer en marcha unha economía da auga sostible e competitiva na UE. Inundacións, secas, incendios forestais… Ningún país nin rexión escapa á necesidade de facer un mellor uso deste ben limitado.
E como debate de fondo, o relativo ao orzamento europeo a partir de 2028 que acaba de lanzarse formalmente coa recente proposta da Comisión Europea. Esta supón un lixeiro aumento do importe total que non satisfai a aqueles que avogan por máis Europa e un cambio de paradigma que fai temer unha maior centralización a nivel nacional de case a metade do orzamento. Na Análise FGE deste mes, podedes consultar a implicación de Galicia neste debate ata o de agora.
Non nos despedímonos sen antes invitarvos a consultar a parte da Axenda con importantes eventos en setembro referidos a I+D+i, o desenvolvemento rural e a economía do hidróxeno, que de seguro interesa a máis dun en Galicia. Tamén son moitas as consultas abertas para poder contribuír á elaboración da lexislación comunitaria. Por exemplo, esta: queres unha Europa libre de peles?
Boa lectura e feliz verán!