Chegan os “Martes de Cinema”, un ciclo de cinema galego da man da Academia Galega do Audiovisual - Concello de Marín

Compatibilidad
Ahorrar(0)
Compartir

O Concello impulsa esta proposta cultural, que traerá á vila unha selección de filmes e curtas seleccionados nos Premios Mestre Mateo. Será todos os martes ás 19.30h, desde o 23 de setembro ao 28 de outubro, na Biblioteca.

Marín, 18 setembro 2025

A partir da próxima semana, os martes en Marín serán para o cinema galego. O Concello anunciou esta mañá a actividade cultural “Martes de Cinema”, unha proposta para achegar á veciñanza de Marín os filmes seleccionados dentro dos Premios Mestre Mateo, da man da Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra.

Serán seis sesións, unha delas de curtas, cinco de de longametraxes de ficción e unha de documental. As proxeccións serán os martes, do 23 de setembro ao 28 de outubro, ás 19.30 horas, no Salón de actos da Biblioteca Pública, con entrada libre e de balde.

Así será o reparto da parrilla:

23/09 🎬 +Cuñados

Un cadáver aparece xusto no medio da ponte internacional de Tui. Uns días antes… Chegou o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para desfrutar das festas favoritas de calquera bo ourensán. Unha comedia irreverente e divertídisima, 100% galega e que segue os pasos do trío de cuñados máis famoso desta terra.

  • 90 mins.
  • +12 anos.
  • Finalista nas categorías de: Mellor longametraxe, Mellor interpretación masculina protagonista, Mellor dirección, Mellor maquillaxe e perruquería, Mellor dirección de arte, Mellor montaxe, Mellor dirección de produción e Mellor música orixinal.

30/09 🎬 Aurora

Aurora e Area, mulleres achegadas de mundos totalmente dispares e con gran diferenza de idade entre elas, establecen unha forte relación de intimidade, confianza e profundas conversacións ligadas á morte, a familia, a guerra e o papel da muller.

  • 65 mins.
  • +12 anos
  • Finalista na categoría de Mellor Documental

07/10 🎬 Honeymoon

Eva e Carlos son un matrimonio en destrucción. Unha parella en ruinas. Só Jonás, o fillo que un día tiveron xuntos, mantennos unidos, pero morre nun accidente absurdo nos Estados Unidos. Como xestionar e superar algo así, cando xa nada te une?

  • 86 mins
  • + 12 anos
  • Finalista nas categorías de: Mellor longametraxe, Mellor interpretación feminina de reparto, Mellor guión, Mellor interpretación masculina de reparto, Mellor dirección, Mellor interpretación masculina protagonista, Mellor dirección de fotografía, Mellor montaxe, Mellor son e Mellor vestiario.

14/10 🎬 Especial Martes de Curtas

Imaxe real:

  • Nai: Rois, 1970. No máis profundo de Galiza, a desaparición dunha cativa fai tremer os cimentos da familia Bandín. Tan só o complexo plan dunha nai desesperada poderá esclarecer o destino final da súa filla (16 mins)
  • Pura: Unha muller volta a casa para recordar(se) e recoñecerse. Colle unha cámara e filma por primeira vez. O retrato da súa nai e da súa avoa é tamén o seu propio retrato. Grazas a elas, reconcíliase co lugar e as lembranzas (25 mins)
  • Véxote: David e Lola van pasar uns días á casa rural do seu amigo Marcos. No medio da natureza buscan atoparse, verse (20 mins)

Animación:

  • Sinopse: Andrea, unha anciá con Alzheimer, recibe a visita da súa filla Marta na residencia na que se atopa. Durante este encontro, terá unha épica batalla na súa mente contra un monstro que simboliza a súa enfermidade (4 mins)
  • Platónico, platónica: Créame un título para un filme sobre o amor. Platónico, platónica é un ensaio audiovisual sobre as imaxes, o amor e a súa verdade. Porque sen amor non hai imaxe (9.30 mins)

21/10 🎬 Xustiza Artificial

O goberno español anuncia un referendo para aprobar un sistema de Intelixencia Artificial na Administración de Xustiza que promete automatizar e despolitizar a xustiza. Ábrese un debate encarnizado. Ten a xustiza un carácter humano irrenunciable? Unha xuíza que forma parte do proceso e a creadora do sistema, que desaparece, serán as protagonistas dun thriller onde a IA ten moito que dicir… ou xulgar.

  • 98 mins
  • +12 anos
  • Finalista nas categorías de: Mellor longametraxe

28/10 🎬 Filmei paxaros voando

Zeltia, tras dúas décadas en Barcelona, lonxe da súa Galicia natal e da súa nai Socorro, refresa para filmar unha película e entender que é o que lle creou ese desarraigo familiar. A saúde da súa nai empeora e comeza tecerse un espazo para sanar vellas feridas e compartir novos momentos de complicidade e amor.

  • 100 min
  • +12 anos
  • Gañadora na categoría de Mellor documental
Detalles de contacto
Concello de Marín