A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (AFAGA) organizou este xoves 18 de setembro, ás 19:00 h, no Museo MARCO de Vigo, a conferencia “As bases xenéticas da enfermidade de Alzheimer”, impartida por Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. A charla, gratuíta ata completar aforo, dirixiuse a toda a poboación interesada e especialmente a familiares e persoas coidadoras de pacientes con Alzheimer.
Entre outros temas, o investigador Ángel Carracedo, referente internacional en xenómica médica, explorou algunhas claves da implicación dos xenes en patoloxías e demencias como o Alzheimer, desmontaou algúns dos mitos máis frecuentes sobre esta enfermidade e achegou información sobre as investigacións do seu grupo no campo da xenética da enfermidade de Alzheimer.
Carracedo é un dos impulsores do Proxecto Xenoma Galicia da Xunta de Galicia, que encara o desafío de trazar o mapa xenético de Galicia co ADN de 400.000 galegos para determinar factores de alto risco á hora de sufrir determinadas enfermidades graves.
Estímase que en España hai máis de 900.000 persoas afectadas por algunha demencia, das cales 68.308 atópanse en Galicia (8.786 na cidade de Vigo). O Alzheimer é responsable do 75% dos casos de demencia, unha cifra que, de non atoparse tratamentos modificadores, podería duplicarse no ano 2050. Dous de cada tres persoas teñen ou tiveron na súa contorna a alguén diagnosticado con esta enfermidade e estímase que o 80% das persoas con Alzheimer son coidadas na súa contorna familiar.
A xornada forma parte das actividades de divulgación e sensibilización previstas por AFAGA durante toda esta semana, con motivo da celebración do Día Mundial do Alzhéimer, o 21 de setembro.